Venres 25 de Setembro de 2020

A Xunta apoia máis de 330 iniciativas de ecoinnovación comercial que mobilizarán preto de 800.000 euros


A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, visitou en San Cristovo de Cea a empresa Soluciones Técnicas Esdinela, que reutiliza cáscaras de laranxa para a elaboración de cosméticos
A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, visitou hoxe en San Cristovo de Cea (Ourense) a empresa Soluciones Técnicas Esdinela, unha das empresas beneficiarias das axudas para impulsar a ecoinnovación comercial que vén de conceder a Xunta, coas que se apoian 331 iniciativas que mobilizarán preto de 800.000 euros, cunha axuda pública de máis de 550.000 euros. Mediante esta orde de axudas, das que se benefician 299 comerciantes e artesáns e 32 centros comerciais abertos e asociacións de praceiros, apóiase a posta en marcha de proxectos de economía circular; solucións sustentables de empaquetado de produto coa utilización de materiais cen por cen biodegradables; ou a instalación de máquinas de reciclaxe de envases.
Solucións Técnicas Esdinela, que comercializa os seus produtos coas marcas Nela Biosense e Nela Gourmet, é unha empresa dedicada á fabricación, venda ao por menor e distribución de xabóns e produtos cosméticos, para os que utilizan materias primas naturais e apostan por embalaxes respectuosos co entorno.
Mediante o programa de ecoinnovación comercial, obtiveron apoios para un proxecto de economía circular consistente na reutilización de cáscaras de laranxa para a extracción de aceites esenciais de carácter aromático. Estas cáscaras recolleranse nos establecementos próximos tras ser empregadas para zume.

Deja una respuesta