Martes 13 de Abril de 2021

O PP de Viana do Bolo apoiará un novo proxecto de goberno para a “rexeneración política e social” do concello


O grupo popular e os dous concelleiros non adscritos da corporación rexistraron esta mañá unha iniciativa de goberno na que Abelardo Carballo figura como candidato á alcaldía.

O Partido Popular de Viana do Bolo e os dous concelleiros non adscritos na corporación local presentaron esta mañá no rexistro municipal un novo proxecto de goberno para a “rexeneración política e social” do concello, ante a situación de ingobernabilidade no que se atopa. Unha alternativa na que figura como candidato á alcaldía o edil Abelardo Carballo, ao que apoiará o grupo municipal popular para botar a andar unha nova etapa.

Este paso, afirmou o portavoz popular, Andrés Montesinos, “é absolutamente necesario para que o futuro de Viana do Bolo, fronte ao total desprezo do alcalde nacionalista cara os grupos da oposición e as súas iniciativas, dirixindo o concello dun xeito ditatorial”.

Explicou que a situación política “era xa insostible” logo de máis dun ano de desgoberno. Neste tempo, engadiu, “sufrimos a total falta de empatía do alcalde cara ás forzas políticas da oposición, falta de transparencia, de diálogo e mesmo a súa incapacidade para cumprir os acordos plenarios aprobados por unanimidade”. Aínda destacou “a súa nefasta xestión durante a pandemia, na que abandonou aos veciños e veciñas de Viana do Bolo pasando o confinamento noutra provincia”.

Neste escenario de ingobernabilidade, afirmou Andrés Montesinos, “debíamos emprender un novo camiño para demostrar que Viana do Bolo existe”. Unha nova etapa impulsada polos dous concelleiros non adscritos da corporación, con Abelardo Carballo como candidato á alcaldía, “demostrando así o seu compromiso co benestar da nosa veciñanza”.

Fronte a esta situación, “a palabra consenso vai ser o eixo da proposta de goberno que imos presentar para Viana do Bolo”, asegurou Montesinos, que detallou os principais asuntos que se comprometen a desenvolver como “consensuar e aprobar os orzamentos, o novo organigrama municipal, reparto de áreas e réxime de retribucións da corporación e o PXOM e as actuacións para iniciar a súa aprobación, así como a total transparencia en todos os procesos administrativos.

Tamén inclúen entre as súas propostas a posta en marcha inmediata de todas as xestións necesarias para o arranxo da estrada de Santo Agostiño, a adquisición dunha máquina desbrozadora para a conservación e mellora dos caminos, apoio aos gandeiros ou a mellora, acondicionamento e sinalización dos accesos aos núcleos de poboación.

ROSENDO FERNÁNDEZ: “ESTE PROXECTO POLÍTICO ESTÁ AVALADO POLO APOIO ELECTORAL MAIORITARIO NAS ELECCIÓNS LOCAIS”.

Para o secretario xeral do PP de Ourense, Rosendo Fernández, “este novo proxecto político está avalado polo maioritario apoio electoral que o PP recibiu nas urnas nas eleccións locais de maio pasado”. Daquela, os populares obtiveron o 38,81 % dos votos, casi cinco puntos máis que o BNG aínda que empatásemos en número de concelleiros -catro para cada formación e 3 para o PSOE- e mesmo fósemos o partido que optaba ao quinto concelleiro por pouco máis de 50 votos”.

Se os partidos de esquerda non foron quen de saber dialogar e pactar en todo este tempo, engadiu Fernández, “diante das novas circunstancias políticas o PP está totalmente lexitimado para abrir paso a unha etapa de xestión en Viana do Bolo”.

Deja una respuesta