Venres 25 de Setembro de 2020

O Concello convoca unha oferta de emprego público con 25 prazas de policía local e 12 de bombeiros


“É unha boa noticia para todos”, asegura o concelleiro Armando Ojea, quen lembra que o Concello levaba máis de 5 anos sen aprobar unha oferta de emprego

 

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou en xuntanza celebrada esta mañá a oferta de emprego público do ano 2020. Será a primeira aprobada polo Concello en máis de 5 anos, e ten como principal finalidade reforzar os servizos de Policía Local e de Bombeiros, fortemente afectados por xubilacións ao longo dos últimos anos. Así, a oferta de emprego para 2020 prevé a incorporación dun total de 25 policías municipais e de 12 bombeiros-condutores. A aprobación deste acordo “é unha boa noticia para todos”, asegura o concelleiro de Recursos Humanos, Armando Ojea, quen lembra que “neste Concello levábanse máis de 5 anos sen poder lanzar unha oferta pública de emprego. Por iso é unha excelente noticia”. As 37 prazas -explica- foron as máximas que foi posible incluír, debido á “forte limitación imposta pola Lei Montoro”, e aposta por darlle prioridade ao reforzo de servizos esenciais como Policía Local e Bombeiros “que se atopan en precario”.

En calquera caso, Ojea explica que “o Concello necesita aínda moito persoal para estes e para moitos servizos pero teremos que botar man doutras posibilidades como as interinidades ou a contratación de laborais por programa na medida que nos permita a lei e coa pertinente negociación cos sindicatos”

A oferta de emprego foilles presentada aos sindicatos con representación no Concello (CSIF, CC OO, CIG, SAP e UXT) en xuntanzas mantidas no marco da mesa xeral de negociación, os días 23 de xuño e 16 de xullo, nas que a Administración explicou e argumentou a súa proposta.

Dadas as limitacións e condicionantes contemplados na normativa orzamentaria estatal (o artigo 19 da Lei 6/2018 de Orzamentos Xerais do Estado), a oferta de emprego xústase á taxa de reposición de efectivos que se permite, que no caso do Concello de Ourense é do 115% para as prazas de Policía Local e do 100% no resto das prazas.

Concretamente, en 2019 deixaron de prestar servizos 22 axentes da Policía Local (unha cifra especialmente elevada xa que ese ano se implantou o Real decreto da xubilación anticipada), 4 bombeiros e outros 12 empregados públicos de diferentes servizos. Ao longo dos últimos anos, a redución no cadro de efectivos de persoal nos servizos de Policía Local e Bombeiros, acada porcentaxes superiores ao 30 e ao 40%, respectivamente.

Neste escenario, o Concello considera necesario acumular ao servizo de extinción de incendios a taxa de reposición resultante das xubilación de empregados públicos doutros ámbitos non prioritarios. Por este motivo, convocaranse 25 prazas de axente de Policía Local e 12 prazas de bombeiro-condutor.

A oferta de emprego aprobouse esta mañá nunha xunta de goberno de carácter extraordinario convocada para este único asunto para non correr riscos cos prazos definidos pola Xunta de Galicia para estes procesos, e tendo en conta que non haberá xuntas de goberno ordinarias até o 27 de agosto.

Deja una respuesta