Venres 25 de Setembro de 2020

O Concello nomea a David Olivieri director xeral de Innovación, Tecnoloxía e Intelixencia Artificial


Olivieri é licenciado e doutor en Física, máster en Fotónica e Tecnoloxía do Láser, profesor no Departamento de Informática da Universidade de Vigo, cunha ampla experiencia e publicacións en distintos eidos da intelixencia artificial

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense acordou na súa xuntanza desta mañá nomear a David Olivieri Cechi como director xeral de Innovación, Tecnoloxía e Intelixencia Artificial do Concello de Ourense. Olivieri será o encargado de dirixir o proxecto do Centro de Intelixencia Artificial que promove o Concello “que vai impulsar a cidade” e será “fundamental no presente e no futuro que se aveciña”, segundo asegura o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen subliña que “ Ourense quere estar na vangarda con este proxecto.

O Concello nomea a Olivieri por ser “a persoa máis capacitada”, explica o alcalde, quen destaca a formación, experiencia e coñecementos de Olivieri, así como a súa condición de doutor profesor no Departamento de Informática do campus de Ourense. “É un top 10 de Galicia, dos científicos con máis publicacións”, di. O primeiro proxecto do novo director xeral será poñer en marcha a convocatoria para a incorporación dos primeiros científicos que traballarán desde este mesmo ano, no Centro de Intelixencia Artificial, nas instalacións de La Molinera.

David Olivieri é licenciado e doutor en Física pola University of Massachusetts, ambos títulos homologados polo Ministerio de Educación, e máster en Fótónica e Tecnoloxía do Láser pola Universidade de Vigo. Obtivo a avaliación positiva pola Axencia da Calidade do Sistema Universitario de Galicia o 22/11/2006, que o cualifica para ser contratado como profesor contratado doutor. Tamén obtivo a cualificación da Axencia Nacional da Avaliación da Calidade e a acreditación como profesor titular de Universidade desde 16/11/2015. Desde o 22/08/2028 é profesor contratado doutor de Linguaxes e Sistemas Informáticos no Departamento de Informática da Universidade de Vigo.

Olivieri acredita una ampla experiencia e publicacións en distintos eidos da intelixencia artificial: computación, informática, recoñecemento de patróns de aprendizaxe automática, bioloxía computacional, etc. Ten experiencia en proxectos colectivos e multidisciplinares de I+D+I e acredita una extensa actividade investigadora e publicacións científicas no ámbito da Innovación tecnolóxica e a intelixencia artificial, sendo director de teses de doutoramento sobre Intelixencia Artificial

O goberno municipal elixe a Olivieri, segundo precisa o acordo da xunta de goberno, por “cumprir cos requisitos establecidos nas bases e resultar o máis idóneo” dos dous candidatos que se presentaron para desempeñar o posto”, por concorrer na súa persoa o superior nivel de mérito e capacidade en postos, tarefas e función nos que se evidencia o coñecemento e desenvolvemento de función no eido da innovación, desenvolvemento e investigación en materia de novas tecnoloxías, intelixencia artificial, Big Data e a súa aplicación no ámbito do servizo e da administración pública.

Xunta de goberno local

Ademais, a xunta de goberno local celebrada esta mañá deu conta de 9 expedientes achegados por diferentes concellerías e servizos municipais.

Avogacía consistorial (3). Deuse conta dunha sentenza ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que desestima un recurso dunha particular contra o acordo municipal que lle denegara licenza de ocupación dunha vivenda unifamiliar na rúa Monte de Nuno.

O recurso foi desestimado en primeira instancia polo Xulgado do Contencioso Administrativo número 1, a particular presentou recurso de apelación, e o Superior de Xustiza desestímao confirmando a sentenza de primeira instancia.

Tamén se deu conta dun auto ditado polo Xulgado Contencioso-Administrativo número 2 de Ourense, que estima unha medida cautelar de suspensión dun acordo de demolición do edificio da rúa Orcellón 1, esquina coa rúa do Bierzo.

En relación con esta edificación, tramítanse nos dous Xulgados do Contencioso-Administrativo varias pezas separadas de suspensión nas que se adoptaron resolucións diferentes. Inicialmente, o Xulgado número 2 denegou a suspensión do acordo da xunta de goberno local; a continuación, o número 1 adoptou unha resolución en sentido contrario ao suspender o mesmo acto -que fóra impugnado en apelación-. Recentemente, o Xulgado número 2 admitiu a suspensión do acordo.

Á vista do exposto, e por razóns de coherencia xurídica, o Concello de Ourense interporá un recurso de apelación en relación co Auto do que se dá conta.

Finalmente, o Concello foi emprazado para comparecer diante do Xulgado de Primeira Instancia no procedemento interposto por dous particulares que reclaman a titularidade duns terreos na zona da Chavasqueira. Xa a reclamaran en ocasións anteriores e os tribunais déronlle a razón ao Concello.

Licenzas urbanísticas (4). Concedéronse licenzas para proxecto de reforma dunha vivenda nun edificio da Avda da Habana; para a instalación de ascensores nun inmoble na rúa Recanto do Carabel e noutro da rúa Río Covas; e para a adaptación de local para vivenda na rúa Iglesias Alvariño.

Planeamento, xestión urbanística e patrimonio (2) Por unha banda, a xunta de goberno considera desistido un particular que presentara unha reclamación de responsabilidade patrimonial por danos nun vehículo por presunto mal estado do firme na rúa de Goya: nin reúne os requisitos legalmente establecidos nin atendeu o requirimento de achegar información no prazo conferido.

Por outro lado, apróbase dispoñer o gasto de 571,59 euros para dar cumprimento a unha sentenza xudicial por unha indemnización de responsabilidade patrimonial.

Deja una respuesta