Sábado 15 de Agosto de 2020

Baltar lamenta que o Goberno “eluda as súas responsabilidades e arrastre ás entidades locais a unha situación económica insostible”


O presidente da Deputación de Ourense e membro da xunta de goberno de FEMP denuncia que é a segunda vez nesta semana que a Presidencia da FEMP “desconvoca unha reunión para non perder a votación”, nunha federación “que sempre se caracterizou polo consenso, roto agora polo PSOE, que queda só”, afirma Baltar

O presidente da Deputación de Ourense e membro da Xunta de Goberno da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Manuel Baltar, expresou hoxe a súa indignación “ao eludir o Goberno as súas responsabilidades e arrastrar ás entidades locais a unha situación económica insostible se continúa sen achegar solucións ao suposto secuestro de aforros de deputacións e concellos que pretende levar a cabo o Executivo de Sánchez”.

Baltar fixo estas afirmacións ao coñecerse a desconvocatoria por parte da Presidencia de FEMP da reunión que ía ter lugar esta mañá –a segunda desconvocatoria nesta semana-, encontro no que presentaría a proposta da ministra Montoro para tentar desatascar unha situación que está a afogar as economías das entidades locais “debido á parálise do Goberno”. Baltar sostén que a ministra de Facenda “dá marcha atrás e atrasa a súa proposta de acordo, poñendo en evidencia a incapacidade de Goberno para solucionar o problema no que meteron ás entidades locais pretendendo secuestrar os aforros de deputacións e concellos”, explica.

Manuel Baltar reitera que urxe devolver os aforros ás entidades locais e considera «imprescindible» que deputacións e concellos «poidan recuperar canto antes os fondos que por xustiza correspóndenlles”, e reclama á Ministra de Facenda que presente, dunha vez por todas, “un documento serio que permita a deputacións e concellos poder gastar os seus aforros en dinamizar as economías dos seus territorios, para que as entidades locais poidan saír da UCI económica e social na que se atopan por culpa do Goberno”.

“Defenderemos sempre as urxentes necesidades das veciñas e veciños de pobos, cidades e provincias, así como das entidades locais, e esperamos que a ministra de Facenda cambie a estratexia de tentar expropiar o diñeiro da poboación. Pero se non se avanza, se se cancelan reunións e non se presentan documentos, o tempo corre en contra dos máis necesitados: autónomos, Pemes, familias e toda a poboación do ámbito local, e non estamos dispostos a seguir nunha permanente dilación”, expresa Baltar, quen demanda “máxima celeridade” e unha proposta do Goberno, “para debater e atopar solucións, non unha imposición por parte de Facenda que non beneficia a ninguén”.

Manuel Baltar afirma que é necesario “un cambio profundo de formulación para que o municipalismo poida aceptar o acordo, xa que, pola contra, seguiremos dilatando no tempo un grave problema de liquidez das entidades locais, todo o contrario do que se necesita: inxectar urxentemente na economía real os aforros que o Goberno se mostra remiso a devolvernos”.

Deja una respuesta