Sábado 15 de Agosto de 2020

O pleno da Deputación de Ourense acorda poñer en marcha unha oficina de apoio a Pemes e autónomos da provincia


En coordinación coas organizacións empresariais e profesionais, esta oficina colaborará e asesorará a estes colectivos, “protagonistas da reactivación económica e social de Ourense”

O pleno da Deputación de Ourense, celebrado hoxe, reafirmou o apoio a autónomos e Pemes da provincia, que vén prestando o goberno provincial, un acordo plenario que destaca “as axudas a milleiros de solicitantes dos 91 concellos de menos de 20.000 habitantes”, cualificando a estes colectivos como “os protagonistas da reactivación económica e social de Ourense”.

Neste sentido, na sesión plenaria correspondente ao mes de xullo, a corporación provincial acordou “continuar coa alianza estratéxica coas organizacións empresariais más representativas do noso territorio –a Confederación Empresarial de Ourense e a Asociación Provincial de Autónomos- para facer especial fincapé nas políticas de apoio a autónomos e Pemes, protagonistas da reactivación económica e social de Ourense, como o fondo extraordinario de axuda que xa fomos quen de implementar”. Asemade, o pleno recoñece “o traballo do equipo tramitador das axudas a autónomos e Pemes aprobadas pola Deputación de Ourense, xestionando milleiros de solicitudes dos 91 concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia, salientando a profesionalidade e compromiso dos empregados públicos provinciais”, e acordou “poñer en marcha unha oficina permanente de apoio e asesoramento a Pemes e autónomos da provincia de Ourense, en coordinación coas organizacións empresariais e profesionais”.

Ademais, o pleno aprobou outorgar a medalla de ouro da provincia ao lexicógrafo Isaac Alonso Estraviz, e iniciar o expediente para conceder, a título póstumo, a distinción honorífica de Fillo Adoptivo da Provincia ao cineasta José Luis Cuerda.

En clave medioambiental, o pleno deu luz verde a adhesión da Deputación de Ourense á Rede de Entidades Locais para o desenvolvemento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030 e comprometeuse a traballar na aprobación dun Plan de Actuación ou Estratexia Local, no que se elabore un plan de localización e implementación dos ODS da Axenda 2030.

Asemade, no ámbito da cooperación coas entidades locais, o plenario acordou instar ao Goberno de España “a respectar e garantir a autonomía que a Constitución Española e as leis outorgan ás entidades locais para a xestión dos seus recursos”, a que “atenda as demandas das entidades locais, especialmente a referida á flexibilización da Regra de Gasto, para que poidan dispoñer do 100% dos seus remanentes de tesourería para a loita contra os negativos efectos do COVID-19”, e pide que si o Goberno “pretende modificar algunha das leis que afectan á autonomía, facenda ou estabilidade financeira das entidades locais, valide ditas modificacións no Congreso ou ante a FEMP”.

A totalidade dos acordos do pleno foron os seguintes:

AXENDA 2030

1º.- Aprobar a adhesión da Deputación Provincial de Ourense á Rede de Entidades Locais para o desenvolvemento dos ODS da Axenda 2030 e, en consecuencia, comprometerse a: traballar na aprobación dun Plan de Actuación ou Estratexia Local, no que se elabore unha análise de situación e un plan de localización e implementación dos ODS da Axenda 2030; e cumprir coas obrigas e exercer os dereitos que se establezan nas Normas de Funcionamento da Rede, que se aprobarán na Asemblea constitutiva prevista para o mes de xullo de 2020 na que tamén se establecerá a cota para aboar que, previsiblemente, se podería fixar en función do número de habitantes.

2º.- Que polo titular da Presidencia se realicen todos os trámites oportunos para que a adhesión da Deputación de Ourense á Rede de Entidades Locais para o desenvolvemento dos ODS da Axenda 2030, sexa efectiva.

TAXA ABASTECEMENTO DE AUGA RAIRIZ DE VEIGA

Aceptar a delegación de competencias efectuada polo Concello de Rairiz de Veiga a favor da Deputación para a xestión tributaria, liquidación e recadación voluntaria e executiva, así como a revisión dos actos ditados da taxa polo abastecemento de auga domiciliaria e o canon da auga nas condicións recollidas no acordo de delegación do Concello de Rairiz de Veiga.

EXPEDIENTE PARA NOMEAR A JOSÉ LUIS CUERDA FILLO ADOPTIVO

1º.- Ratificar a incoación do expediente para o outorgamento, a título póstumo, da distinción honorífica de Fillo Adoptivo da Provincia de Ourense ao insigne cineasta don José Luis Cuerda Martínez.

2º.- Designar á deputada provincial Ana Patricia Torres Madureira como instrutora do expediente, conforme co que dispón o capítulo III do Regulamento de Honores e Distincións da Deputación de Ourense. A deputada instrutora actuará asistida polo asesor de Presidencia Aurelio Gómez Villar, que actuará como secretario do expediente.

MEDALLA DE OURO DA PROVINCIA PARA ISAAC ALONSO ESTRAVIZ

De conformidade cos artigos 1, 7, 9, 10 e 11 do Regulamento de honores e distincións da Deputación de Ourense, e consonte coa proposta formulada polo instrutor do expediente, outorgarlle a medalla de ouro da provincia ao insigne lexicógrafo ourensán don Isaac Alonso Estraviz, como homenaxe e recoñecemento do noso pobo a toda unha longa traxectoria intelectual marcada polo seu carácter de traballador incansable en prol da defensa, estudo e difusión do noso idioma que o converteu nun dos maiores especialistas que deu Galicia.

APOIO A AUTÓNOMOS E PEMES

1.- Continuar coa alianza estratéxica coas organizacións empresariais más representativas do noso territorio –a Confederación Empresarial de Ourense e a Asociación Provincial de Autónomos- para facer especial fincapé nas políticas de apoio a autónomos e Pemes, protagonistas da reactivación económica e social de Ourense, como o fondo extraordinario de axuda que xa fomos quen de implementar.

2.- Recoñecer o traballo do equipo tramitador das axudas a autónomos e Pemes aprobadas pola Deputación de Ourense, xestionando milleiros de solicitudes dos 91 concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia, salientando a profesionalidade e compromiso dos empregados públicos provinciais.

3.- Poñer en marcha unha oficina permanente de apoio e asesoramento a Pemes e autónomos da provincia de Ourense, en coordinación coas organizacións empresariais e profesionais”.

ENTIDADES LOCAIS

Manifestar:

1-. O compromiso da Deputación de Ourense coa Lei de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira como ferramenta que garante o correcto funcionamento das finanzas locais que permitiu a moitos concellos de España xerar os aforros que agora reclama o goberno central.

2-. O profundo rexeitamento desta deputación a calquera medida tendente a apropiarse dos aforros acumulados polos veciños dos concellos e provincias, tanto de forma directa como vía subscrición de préstamos das EE.LL. ao Estado para devolver a longo prazo.

Instar ao Goberno de España a:

3. Respectar e garantir a autonomía que a Constitución Española e as leis outorgan ás entidades locais para a xestión dos seus recursos, para a xestión do diñeiro público que é de todos e cada un dos españois, non dun goberno en concreto.

4. Atender as demandas das EE.LL., especialmente a referida á flexibilización da Regra de Gasto e resto de regras contidas na Lei Orgánica de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira (LOEPSF) para que poidan dispoñer do 100% os seus remanentes de tesourería para a loita contra os negativos efectos do COVID-19.

5. Que si pretenden modificar algunha das leis que afectan á autonomía, facenda ou estabilidade financeira das entidades locais valide ditas modificacións no Congreso dos Deputados ou ante os órganos de goberno da FEMP, lexítimos representantes das EE.LL. e dos españois.

6. Que o Ministerio de Facenda cumpra coa totalidade do acordo consensuado por todas as forzas políticas, incluído o Partido Socialista, no seo da FEMP.

Dar traslado deste acordo ao presidente do Goberno, á ministra de Facenda, á ministra

de Política Territorial e Función Pública, aos Portavoces de grupos políticos do Congreso,

Senado e das Cortes e á Xunta de Goberno da FEMP.

FENDA DIXITAL

Instar á Xunta de Galicia a seguir impulsando o ensino dixital, fomentando as vocacións científico-tecnolóxicas entre o estudantado galego e apoiando ao alumnado de familias vulnerables, facilitándolle equipamentos e recursos informáticos para o seguimento da actividade educativa.

Deja una respuesta