Sábado 15 de Agosto de 2020

A cidade acolle a rodaxe da película ‘Cuñados’, o novo proxecto de Portocabo, desde o 17 de agosto


O ourensán Toño López dirixe esta comedia, protagonizada por Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira, Fede Pérez, Iolanda Muíños ou Eva Fernández, entre outros 15 actores e actrices.

 

O equipo de Portocabo, a produtora de Cuñados, visitou esta mañá o Concello de Ourense para preparar a produción da rodaxe do filme, que comezará este 17 de agosto en diferentes localizacións da nosa cidade e provincia, coa colaboración da Deputación. Os representantes do goberno local ofrecéronlle á produtora toda a colaboración posible para este traballo, que “dinamizará a cidade e suporá unha importante fonte de ingresos para a economía local, por unha banda, e unha inmellorable promoción de Ourense, pola outra”, aseguraba o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome.

Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Fede Pérez son os tres protagonistas principais do filme, que xirará ao redor das súas peripecias criminais, algo disparatadas. Xunto a eles estarán as actrices Iolanda Muíños e Eva Fernández, entre un elenco de 15 actores e actrices. O encargado de dirixir esta comedia será o ourensán Toño López, autor de series coma Miracle Tunes (Portocabo, ShowLab, Blasteem, Mediaset, Kamca Group) ou Auga Seca (Portocabo, Sp-i). A película, asegura o director, “basea o seu humor en facer leña das miserias humanas cun toque de tenrura e compaixón”.

O equipo técnico da película está integrado por 53 profesionais, algúns de recoñecido prestixio no noso audiovisual, como Alfonso Blanco (produción executiva), Araceli Gonda (guión), Santi Jul (música), Ana Míguez (dirección de produción), Jaime Pérez (dirección de fotografía), Lu Rodríguez (montaxe), Andrea Pozo (dirección artística) e Saturna (vestiario). Na súa opinión, atoparon en Ourense as localizacións ideais para o proxecto, xa que conviven o rural e o urbano, o moderno e o tradicional.

Portocabo. Cuñados, que forma parte do grupo de películas seleccionadas na segunda mesa de valoración de cine de RTVE para este ano, conta coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a participación da TVG e a colaboración da Deputación de Ourense. A produtora Portocabo xa rodara en Ourense Vidago Palace (Portocabo, Hop!), serie que xa pode verse en HBO Portugal e que chegará proximamente ao catálogo de HBO España.

Deja una respuesta