Sábado 15 de Agosto de 2020

O Concello adxudica o servizo de limpeza dos centros educativos públicos de Infantil e Primaria por 2 millóns de euros


Os cinco lotes nos que se divide o contrato serán desenvolvidos por dúas empresas.

A xunta de goberno local aprobou esta mañá importantes adxudicacións e expedientes de contratación para diferentes e importantes servizos para a cidade de Ourense. Entre eles, o servizo de limpeza de centros públicos de Educación Infantil e Primaria (CEIPs) do Concello de Ourense até o ano 2022, que serán desenvolvidos por dúas empresas, adxudicatarias dos 5 lotes nos que se divide o contrato. Tamén se aprobaron as bases para a contratación do servizo de obras de conservación e mantemento das infraestruturas viarias de titularidade municipal para os dous vindeiros exercicios, o que permitirá a posta a punto das rúas da cidade.

En total, a xunta de goberno abordou 28 asuntos achegados por diferentes servizos municipais repartidos entre Contratación, Avogacía Consistorial, Licenzas e Patrimonio:

Servizo de Contratación (7). Adxudicacións. Adxudicouse o servizo de limpeza de centros públicos de Educación Infantil e Primaria (CEIPs) do Concello de Ourense para as anualidades 2020, 2021 e 2022, repartido da seguinte forma: Os lotes 1, 3 e 4, á empresa Mantelnor Limpiezas SL por un total de 1.594.513,32 euros; os lotes 2 e 5 para a empresa ITMA SL, por un valor de 455.601,30 euros. A suma total dos cinco lotes ascende a 2.050.114,62 euros.

Adxudicouse tamén a concesión demanial para a explotación da cafetería do Xardín Xaponés, por un canon anual de 68.970 euros (IVE incluído) por unha duración de cinco anos improrrogables.

Declarouse deserto, pola contra, o procedemento para a contratación da renovación e mantemento da aplicación informática para a xestión de colas e de quendas do Concello de Ourense, no espazo de atención á cidadanía.

Contratacións. Por outro lado, aprobouse o expediente para a contratación do servizo de obras de conservación e mantemento das infraestruturas viarias de titularidade municipal para os dous vindeiros exercicios, que se realizará en dous lotes: o primeiro, para áreas peonís, cun orzamento de licitación anual de 666.000 euros (IVE incluído); e o segundo, para a pavimentación de vías e actuacións complementarias, polo mesmo importe. O total do contrato ascendería a 2.664.000 euros.

Tamén se aprobou o expediente para a contratación do servizo de auditoría externa para o proxecto 0531_Emprende_Makers_1E, aprobado no marco do programa de cooperación territorial europea Interreg, por un valor de 6.000 euros (IVE incluído).

Aprobouse igualmente a contratación do servizo de desratización, desinsectación e desinfección, por un período de dous anos a razón de 39.204,97 euros anuais (IVE incluído).

Finalmente, aprobouse a contratación do expediente de redacción do proxecto e execución de obras de demolición parcial e reconstrución do edificio emprazado na Avenida das Caldas 36, por un importe global máximo de 763.785,72 euros (IVE incluído).

Avogacía Consistorial (7). Seis sentenzas e unha comparecencia, esta última perante o contencioso administrativo nun recurso interposto polas comunidades de propietarios de dous edificios (Xesús Pousa 11 e Victoria Kent 2) polos danos sufridos por mor dunhas filtracións por importe de 2.996,57 euros.

Sentenzas. 1. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestima un recurso interposto contra unha resolución do Concello de Ourense ao considerar a existencia de defectos no Proxecto de Reparcelacion e coas obrigas municipais asumidas no convenio incorporado ao PEPRI, e insta ao Concello a arranxar os defectos de contido.

2. Outra sentenza estima un recurso por responsabilidade patrimonial e condena o Concello ao pagamento de 2.141,62 euros, ademais dos xuros legais desde a data da reclamación.

3. A seguinte sentenza desestima un recurso contra a resolución do Tribunal Económico Administrativo anulando a resolución recorrida por ser contraria a dereito, declarando a devolución total da cota de 5.458,38 euros ingresada, xunto cos xuros que correspondan

4. Outra sentenza estima o recurso formulado por unha mercantil contra a inactividade do Concello de Ourense en relación á súa obriga de pagamento polo servizo de asistencia técnica dos traballos de redacción do “Proxecto de acondicionamento tramo inicial Paseo Fluvial de Oira, deica a Rúa Alfredo Brañas, Camiño da Praia e Estacionamento Público”, e condena o Concello a aboarlle 5.269,55 euros máis 899,72 euros en concepto de xuros.

5. Outra sentenza estima o recurso interposto por un traballador municipal por non executar as axudas por gastos de libraría, odontoloxía y oftalmoloxía en decembro de 2016, e condena o Concello a pagalas.

6. A última das sentenzas da xunta de goberno desestima o recurso contencioso-administrativo interposto por un particular contra a imposición dunha multa de 500 euros e pola detracción de 6 puntos no permiso de conducir por facelo de forma “manifestamente temeraria”.

Licenzas e Aperturas (12). O Concello concedeu licenza para a substitución da cuberta nun edificio da rúa da Paz; para a reforma dunha cheminea de fumes en Valle Inclán 1; para a instalación de ascensores nos edificios das rúas López Ferreiro 6 e Ervedelo 77; para a construción dun edificio na rúa Francisco Lloréns 65 -cun proxecto de execución material de 1,3 millóns de euros-; para a construción dunha vivenda unifamiliar na rúa Cesáreo González; para a demolición dun edificio e dos seus alpendres no Cumial 23; e para a reforma dun local para vivenda en planta baixa do inmoble na rúa Marie Curie

Ademais, a xunta de goberno tomou coñecemento do troco de titulares en senllas licenzas: a primeira para a construción dun edificio na rúa do Paseo 57-59, e a segunda para o proxecto básico de rehabilitación do edificio emprazado na rúa Alejandro Outeiriño 6.

Por outra banda, desestimouse un recurso de reposición contra un acordo de xunta de goberno -xullo de 2019- para a reforma dun local na rúa do Vinteún 18, e concedeuse licenza de obra de adaptación de local para unha academia no número 10 da Praza 500.

Patrimonio (2). Por unha banda, estimouse parcialmente un recurso de reposición contra a adquisición do edificio que fai esquina entre a Avenida das Caldas e a rúa Basilio Álvarez, de forma que se lle recoñece o dereito a diferentes propietarios do mesmo a percibir un total de 412.808,68 euros; os gastos e impostos derivados do contrato, que está exento do IVE, correrán por conta do Concello agás o Imposto de Incremento do Valor de Terreos Urbanos.

Por outra banda, considérase desistida unha reclamación de responsabilidade patrimonial polos danos causados no ciclomotor a causa da grava miúda na rúa Melón, xa que non reúne os requisitos legalmente esixidos e non atendeu a completar a reclamación no prazo legalmente conferido.

Deja una respuesta