Sábado 15 de Agosto de 2020

Manuel Baltar: “Urxe devolver os aforros ás entidades locais para que a reactivación económica non se faga só á conta da poboación”


 

O presidente da Deputación de Ourense dixo hoxe, tras a súa reunión na Xunta de Goberno da FEMP, que de “boas intencións non se vive”, en referencia á proposta que Facenda remitirá mañá ás entidades locais; “é necesario un cambio profundo de formulación para que o municipalismo poida aceptar o acordo”

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo hoxe tras participar na reunión celebrada pola Xunta de Goberno da FEMP que urxe devolver os aforros ás entidades locais “para que a reactivación económica non se faga só á conta da poboación”. Baltar considera “imprescindible” que deputacións e concellos “poidan recuperar canto antes os fondos que por xustiza correspóndenlles, e que o Goberno mantén secuestrados, “para poder cooperar con maior fortaleza económica na recuperación do emprego e a competitividade social”.

O presidente provincial considera que de “boas intencións non se vive”, en referencia á proposta que Facenda remitirá mañá ás entidades locais; “é necesario un cambio profundo de formulación para que o municipalismo poida aceptar o acordo, xa que, pola contra, seguiremos dilatando no tempo un grave problema de liquidez das entidades locais, que repercute nos servizos que prestamos a autónomos, comerciantes, empresarios, ás familias e á sociedade dos nosos municipios e provincias”.

“O novo documento que se acorde entre as entidades locais e o Goberno debe priorizar, ante todo, a urxencia de inxectar na economía real -a que día a día vive a nosa poboación- os aforros que o Goberno se mostra remiso a devolvelos, e que pretende facelo actuando como un “banco malo”, hipotecando durante dez anos as arcas das entidades locais”, expresa Baltar, afirmando que “non imos aceptar que se incauten dos aforros das entidades locais, e menos ser cómplices dos despilfarros do Executivo de Pedro Sánchez, pero si estaremos dispostos a negociar para que non rompa o acordo histórico que desde sempre presidiu a FEMP neste aspecto económico, iso si, antepoñendo sempre os intereses das entidades locais a calquera outra estratexia partidista, para que o superávit e o remanente de tesourería que nos corresponden sexan utilizados como as entidades locais consideren, respectando absolutamente a súa autonomía local”.

Baltar non se explica como en Europa “Sánchez rompe lanzas en favor de países en peor situación económica, mentres que na dura etapa que estamos a atravesar, coa pandemia do COVID-19 aínda moi presente, pretende afogar a pobos, cidades e provincias impedindo que as entidades locais dispoñan dos seus fondos para que a reactivación social e económica sexa unha realidade canto antes”, conclúe Manuel Baltar.

Deja una respuesta