Mércores 21 de Outubro de 2020

A “XII Festa da Palabra” estrea o “Auditorio Nós” con música e cultura


O presidente da Deputación de Ourense participou hoxe nesta celebración que conmemora o centenario da revista Nós que “alumeou á xeración Nós, berce do pensamento político galeguista”, destacou Baltar

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe na celebración da “XII Festa da Palabra” na que se estreou o “Auditorio Nós” e que mesturou novamente cultura e música. Esta edición deste evento cultural, “un dos máis importantes dos que se celebran en Galicia”, dixo Manuel Baltar, conmemora o centenario da revista Nós (1920-2020) que “alumeou á xeración Nós, o berce do pensamento político galeguista, e por esta razón, serán benvidas todas as homenaxes que fagamos aos persoeiros que fixeron patria”, destacou Baltar.

Baltar, quen salientou “a emoción” que latexa na Insua dos Poetas a pesar da “terrible pandemia que azouta ó mundo”, dixo que unha vez máis, “participamos nesta festa persoas de moi diferentes ideas e pareceres que coincidimos nun locus amoenuscoma este, nun ambiente que incita á convivencia, convocados pola palabra, arroupados pola creatividade, lonxe das miserias e preto do espírito que animou a homes e mulleres de xeracións anteriores a dar unha resposta á chamada da terra propia”.

Así mesmo, o presidente do goberno provincial lembrou que o 30 de outubro de 1920, apareceu en Ourense, o “Boletín Mensual da Cultura Galega, órgano da Sociedade Galega de Publicacións NÓS”, dirixido por Vicente Risco, con Xavier Prado, “Lameiro”, como redactor xefe, Xulio Gallego, secretario e un equipo integrado por Ramón Cabanillas, Alfonso R. Castelao, Antón Losada Diéguez, Ramón Otero Pedrayo e Florentino L. Cuevillas.

Neste repaso histórico, o presidente da Deputación de Ourense mencionou a Castelao afirmando que, “dous meses antes da fin da Segunda Guerra Mundial, rodeado de ourensáns leais á República e á autonomía de Galicia, despois de pasar revista de grandes figuras e de fitos históricos relativos a Ourense, dixo: “hai en Ourense un fino don de xentes e unha especial tónica política, dotes que fan triunfar ós ourensáns, un pobo cunha rexa personalidade, moi peculiares, valentes na actividade civil, emprendedores e creativos.”

Ao fío disto, Manuel Baltar afirmou que “cando falamos de ourensanía, non facemos máis que acentuar e poñer de relevo, desde unha perspectiva actual, a peculiaridade que nos caracteriza, que nos identifica e que nos une, “a comuñón dos ourensáns coa Patria Galega”, algo que Castelao manifestou en máis dunha ocasión”.

Durante a celebración tamén se presentou o libro Camiño de Nós da man de César Lorenzo Gil, de Aira Edicións, quen agradeceu o apoio da Deputación de Ourense “para poder compoñer este libro que, ademais dos textos de Xavier Pardo, conta coas fotografías de Xulio Gil, coas acuarelas de Isabell Seidel e cos debuxos de Miguel Robledo”.

Camiño de Nós é unha publicación da editorial Aira que é a recolleita dunha crónica publicada en 1926 en A Nosa Terra, que narra a peregrinaxe de Ourense a Santiago realizada por persoeiros como Risco, Cuevillas, Otero Pedrayo, Lois Feixoo, Antón Sánchez ou Xavier Pardo. César Lorenzo dixo que esta publicación é un proxecto “eminentemente ourensán: pensado na Insua dos Poetas, promovido pola Deputación de Ourense, editado en Allariz e apoiado por estes outros autores dos que a beleza do seu traballo gráfico está nesta publicación moi ben recollida”.

Premios “Insua dos Poetas”

Na celebración entregáronse os premios «Insua dos Poetas» 2020: na categoría de Literatura á profesora e escritora Pilar García Negro; na categoría de Emigración a Regina Jallas; na categoría de Acción Social á Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña; na categoría de Música a Ses; na categoría de Audiovisual ao Cineclub Carballiño; na categoría de Comunicación a Xosé Manuel Piñeiro; e o premio especial ao Traballo sociosanitario con enfermos de Covid-19 foi para as traballadoras e traballadores sanitarios da Residencia Integrada dos Milagros, Baños de Molgas.

Xunto a Manuel Baltar, interviñeron no acto o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; o conselleiro de Medio Rural, José González; o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; e o presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luís González Tosar, quen anunciou a figura homenaxeada o próximo ano que serán, “por acordo unánime do padroado da Fundación Insua dos Poetas, os seis poemas en lingua galega que fixo o gran poeta Federico García Lorca. Os seis poemas galegos que apareceron en 1935, na Editorial Nós, de Ánxel Casal”. Neste mesmo sentido, Luís González Tosar adiantou que se asinará un convenio entre a Fundación Insua dos Poetas e a Consellería de Medio Rural para abrir un concurso de ideas para que eses textos sexan interpretados plasticamente por creadores.

O conselleiro de Cultura dixo que coa celebración da Festa da Palabra “levamos 12 anos recoñecendo o mellor de nós, a nosa lingua, a nosa cultura e tamén en certa medida a nosa forma de ser”, engadindo que esta edición é “a máis necesaria e importante” desde que se fundou.

Pola súa parte, o conselleiro de Medio Rural mencionou algúns dos proxectos que está a levar a cabo a súa consellería co obxectivo de recuperar o noso territorio ligado á etnografía como: as aldeas modelo, os polígonos agrogandeiros e forestais, o programa de recuperación de soutos tradicionais, “en definitiva, proxectos que pretenden desenvolver a actividade económica ligada sempre á calidade como un recoñecemento tamén da nosa galeguidade”.

A celebración, á que acudiron persoeiros dos ámbitos institucionais, culturais e sociais, así como veciños da contorna da Esgueva, trasladouse tralas intervencións ao Muíño do Medio ou Muíño do Tabú para inauguralo, logo de ser rehabilitado pola Axencia de Turismo de Galicia da Consellería de Cultura e Turismo coa colaboración da Deputación de Ourense. O apartado musical estivo a cargo de “Son Trío” e, pola tarde, celebrouse unha romaría literaria amenizada polo grupo “Airiños de Caldelas” e, posteriormente, un recital poético e a actuación musical do grupo “Tor”, que presentou o seu novo disco.

A Fundación Insua dos Poetas ven celebrando a «Festa da Palabra» desde o ano 2009, unha cita anual que xa forma parte do calendario cultural do verán, na cal, ao longo destas nove edicións foron homenaxeados: Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, Xosé María Díaz Castro, Eduardo Blanco Amor, Francisco Luis Bernárdez, Pura e Dora Vázquez, Víctor Campio, Antón Tovar e a revista “Nós”.

Deja una respuesta