Sábado 15 de Agosto de 2020

A Deputación de Ourense aumenta ata 600.000 euros a súa colaboración coas entidades sociais


“O apoio ás entidades sociais en 2020 vén marcado por un esforzo orzamentario e administrativo como resposta á crise sanitaria e social derivada do COVID-19”, afirma Manuel Baltar

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, confirmou que a institución provincial aumenta ata 600.000 euros a súa colaboración coas entidades sociais da provincia, un apoio, segundo afirma, “que vén marcado por un esforzo orzamentario e administrativo como resposta á crise sanitaria e social derivada do COVID-19”.

Neste sentido, Baltar destaca que a convocatoria dirixida ás ONG da provincia ten unha periodicidade anual, “pero neste ano 2020, a causa da situación ocasionada pola pandemia do COVID-19, a Deputación acordou de xeito extraordinario incrementar o orzamento inicialmente previsto para a anualidade 2020, pasando de 300.000 € a 600.000 €, e reformular a liña de subvencións ata o de agora vixente, con dúas convocatorias e o dobre de orzamento”, expresa o presidente.

O pasado 1 de abril, no marco do “estado de alarma”, a Deputación de Ourense aprobou a concesión dun programa extraordinario de emerxencia social, por un importe total de 300.000 €, a 18 entidades sociais da provincia, para que puidesen dar cobertura ás necesidades inmediatas e urxentes, ou ben atender e responder ás demandas de colectivos ameazados polo COVID-19, “situacións que precisaban dunha resposta inmediata e áxil á súa problemática”, remarca o presidente Baltar.

Así, nun prazo de 23 días, a Deputación deseñou un programa, redactou e aprobou as bases reguladoras, publicounas no BOP, abriu o prazo legal de solicitude, resolveu as ditas subvencións e realizoulles o pago anticipado ás 18 entidades beneficiarias por un importe total de 240.000 €.

O resultado do esforzo administrativo foi proporcionarlles ás entidades sociais maior liquidez en momentos moi complicados tamén no aspecto orzamentario da súa actividade; dende o día 20 de abril de 2020 as entidades tiveron á súa disposición o 80% da contía da subvención que lle foi concedida para atender as situacións urxentes das persoas e familias máis vulnerables.

Convocatoria para todas as entidades da provincia

Unha vez atendidas as entidades e os colectivos de maior urxencia social, a Deputación de Ourense completará o seu apoio anual ás entidades sen ánimo de lucro. Neste sentido, o BOP do pasado sábado 11 de xullo publicou a convocatoria do concurso público para a concesión de subvencións destinadas a entidades sociais sen ánimo de lucro que desenvolven proxectos de servizos sociais na provincia de Ourense.

Poderán obter subvención como beneficiario/a as organizacións, asociacións e/ou fundacións legalmente constituídas, que teñan unha delegación ou o domicilio social na provincia de Ourense, para aqueles proxectos que se desenvolvan integramente nesta provincia e se dirixan a persoas con residencia en calquera dos 92 concellos.

Subvencionaranse aqueles proxectos que se dirixan ás persoas beneficiarias últimas de calquera dos colectivos das distintas áreas de actuación propias de servizos sociais, primando aqueles colectivos de persoas, que por razóns obxectivas de índole económica, de saúde ou pola concorrencia de circunstancias sociais, étnicas ou culturais, sufran especiais dificultades respecto da xeneralidade da poboación e precisen dun tratamento específico para o acceso ao goce pleno dos dereitos de contido social, económico, ou laboral recoñecidos no ordenamento xurídico.

Esta convocatoria está dotada cun orzamento de 300.000 € e concederanse as subvencións por concorrencia competitiva entre todos os proxectos presentados, cunha contía máxima de 15.000 € por proxecto. Esta liña provincial de axudas, con prazo aberto ata o 27 de xullo, vén a completar a liña de colaboración da Deputación coas entidades sociais da provincia.

Programas sociais

Dende o 15 de marzo ata o 15 de xullo, catro meses marcados polo “estado de alarma”, o teletraballo e a volta á “nova normalidade”, desde a Deputación de Ourense priorizáronse diferentes programas dirixidos aos colectivos máis vulnerables, tanto en termos orzamentarios como de prioridade na xestión administrativa. Aos 600.000 € destinados a apoiar ás persoas que pasan máis dificultades a través de programas financiados ás entidades sociais da provincia, sumáronse outras iniciativas dirixidas directamente ás persoas.

O Programa ComerciOu movilizou 450.000 € para financiar axudas individuais de emerxencia social de 300 €, un programa xestionado con pagos mensuais de 100 € a través de tarxetas bancarias que só se poden utilizar para mercar produtos de primeira necesidade nos comercios locais. A súa convocatoria publicouse o 29 de abril, e transcorridos hoxe dous meses e medio, todos os 1.500 beneficiarios do Programa xa recibiron as dúas primeiras mensualidades.

O Programa ChegOu materialízase tamén a través dunha tarxeta bancaria e que cun importe de 300 € permite adquirir produtos hixiénicos, alimentarios e de saúde, relacionados co primeiro ano de vida do bebé en farmacias e parafarmarcias da provincia de Ourense. O Programa completou no primeiro semestre do ano 532 solicitudes, a data 1 de xullo o 89% xa foran resoltas, e destas, a un 94% xa lle foron enviadas as tarxetas.

Outro programa que se viu modificado polo Covid19 foi a Teleasistencia domiciliaria, a adaptación do programa veu provocada pola decisión de suprimir a necesidade de acudir presencialmente aos traballadores sociais da provincia e aos centros de saúde na procura dun informe médico como paso previo á súa solicitude. Habilitouse un procedemento provisional adecuado ás circunstancias que facilitasen o acceso ao servizo, sen necesidade de desprazamentos físicos dos solicitantes, en especial pensado para as persoas maiores que viven soas e cuxas dificultadas se agudizaron coa pandemia.

Todas as solicitudes recibidas durante o “estado de alarma” foron resoltas no menor tempo posible, ningunha quedou sen atender, sendo de 17 días o prazo medio entre a solicitude e o acceso ao servizo. Este programa tamén foi reforzado orzamentariamente, pasando de 300.000 € a 450.000 €.

BenOurense Veciñ@s

Os programas destinados directamente ás persoas e ás entidades sociais completáronse cunha nova iniciativa dirixida ás entidades locais, para que puideran sufragar gastos de programas postos en marcha durante o estado de alarma, o Programa BenOurense Veciñ@s, este programa conta cun orzamento de 150.000 € , a súa convocatoria foi resolta o pasado 25 de xuño con axudas aprobadas a 78 entidades locais da provincia, que en total engloban a 82 concellos.

O BenOurense Veciñ@s únese aos programas de cofinanciamento de ámbito social das entidades locais, o BenOurense Persoal Técnico, que cun importe de 279.282 €, permite a dotación de técnicos/as medios e superiores aos equipos de servizos sociais de concellos e mancomunidades, o SAF básico, que cofinancia a axuda no fogar de concellos e mancomunidades con 1.150.489 €, a dotación económica aos Puntos de Atención a Infancia a través do BenOurense Infancia-PAI, que apoia a atención a nenos e nenas menores de 3 anos, con 125.000 €, e o Programa BenOurense Infancia de Servizos complementarios de atención á infancia cun total de 125.000 €.

No seu conxunto, 3.679.771 € destinados a programas sociais, dos que todas as convocatorias están publicadas -só falta unha por resolverse- e aboado o 71 % do orzamento a persoas, entidades e administracións locais da provincia

Deja una respuesta