Sábado 15 de Agosto de 2020

A Xunta aproba 5 novos proxectos de pemes galegas que mobilizarán 1,8M€ para a fabricación de equipos de protección fronte á covid-19


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe no Comité de fabricación no que se avaliaron estas iniciativas
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe nunha nova xuntanza do Comité de fabricación de equipamento sanitario e de material para a protección dos traballadores, que aprobou apoiar cinco novos proxectos de pemes galegas que van mobilizar 1,8M€ para a fabricación de medios de protección fronte á covid-19.
Unha desas iniciativas, presentada pola empresa Grafoplás del Noroeste, de Culleredo (A Coruña), é o primeiro proxecto que vai resultar beneficiado na convocatoria de axudas Inviste Covid, que a Xunta puxo en marcha con 5M€ para apoiar proxectos de prevención de maior envergadura. Esta empresa propón a posta en funcionamento dunha nova liña de actividade que vai supoñer a creación de entre 8 e 20 postos de traballo para a fabricación de máscaras cirúrxicas e FPP2, con válvula e sen válvula, cunha capacidade de produción estimada de 283.000 unidades diarias. Suporalle un investimento de 1,25 millóns de euros aos que a Xunta achega 800.000.
Xunto con este proxecto, tamén foron aprobados os da empresa Anovada, de Santiago de Compostela, que vai instalar unha nova liña para a fabricación de 40.000 máscaras FPP2 diarias, cun investimento superior aos 300.000 euros dos que a Xunta achega 100.000 euros de apoio. O de Generxia San Roque, de Cartelle (Ourense), con 34.000 euros de investimentos dos que 25.500 son en axudas, para a fabricación de hidroxeles, cunha capacidade de produción estimada de 2.000 botellas ao día. O da empresa coruñesa Moagula que, cunha axuda de máis de 21.000 euros, investirá un total de 63.000 euros para a fabricación e comercialización de máscaras reutilizables. E o da empresa Tecdisma, de
Mos, que vai contar cunha axuda de 100.000 euros para fabricar máscaras hixiénicas desbotables, cun investimento total de case 160.000 euros.
Con estes cinco proxectos, son xa 48 as iniciativas aprobadas polo Comité de fabricación, do que forman parte as consellerías de Economía, Emprego e Industria, Sanidade e Política Social e que mobilizan 6,2 millóns de euros dos que a Xunta achega 3,3 millóns. En total, o Goberno galego ten previsto destinar 7,5 millóns de euros para axudar ás empresas galegas con capacidade de fabricar medios de protección e loita fronte á covid-19, tanto a través da liña Inviste Covid, dotada con 5 millóns de euros, como dos apoios para a reorganización produtiva das pemes galegas, de 2,5 millóns de euros.
Cómpre salientar que con estes 48 proxectos aprobados ata o de agora as necesidades máis urxentes de material xa están cubertas, posto que Galicia adquire a capacidade de producir ao día preto de 900.000 máscaras, 7.800 pantallas e 450 mamparas.

Deja una respuesta