Sábado 15 de Agosto de 2020

A Xunta mellorará a eficiencia enerxética de 28 Centros de Saúde de Galicia coa instalación de caldeiras de biomasa e de aerotermia


A Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Servizo Galego de Saúde asinarán un acordo marco para impulsar a iniciativa que busca fomentar o uso das enerxías renovables térmicas en edificios da Administración pública
A Xunta mellorará a eficiencia enerxética de 28 centros de saúde de Galicia, repartidos polas catro provincias galegas, co fin de reducir os custos enerxéticos e apostar pola mellora ambiental, repercutindo tamén na calidade de vida dos cidadáns.
Para iso, a Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Servizo Galego de Saúde asinarán un acordo marco, que permitirá a instalación de caldeiras de biomasa e de aerotermia nestes centros de saúde emprazados nas áreas sanitarias da Coruña e Cee, Ferrol, Santiago de Compostela e Barbanza, Lugo -A Mariña e Monforte de Lemos-, Ourense – Verín e O Barco de Valdeorras- e Vigo da Consellería de Sanidade.
A Administración autonómica investirá un total de 2,5M€, a través de fondos Feder, neste proxecto (1,5M€) e no desenvolvemento dun plan de district heating con biomasa no complexo educativo da Xunqueira de Pontevedra (1M€).
Para levar a cabo a instalación das caldeiras, priorizouse aqueles centros de saúde que contan na actualidade co uso de gasóleo, propano e acumuladores eléctricos.
A Xunta aposta polas enerxías renovables para reducir os custos enerxéticos das empresas, entidades sen ánimo de lucro e administracións públicas, podendo dedicar os seus recursos económicos a outros fins. Así mesmo, a mellora ambiental repercute tamén na calidade de vida da sociedade.
As distintas axudas que se van activar no eido das enerxías renovables e da eficiencia están aliñadas coas Directrices Enerxéticas de Galicia 2018-2020, a través das cales se busca mellorar a calidade de vida dos galegos –mediante o abaratamento dos custos e o aumento da calidade da subministración– e a competitividade do tecido empresarial, apostando pola eficiencia e a potenciación das enerxías renovables de carácter autóctono. Tamén vai en liña da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enexía 2050.
Do que se trata, en definitiva, é de apostar polo respecto medioambiental e de favorecer entre familias, empresas, entidades e administracións a cultura do aforro enerxético e o fomento das enerxías renovables, aproveitando os nosos recursos.

Deja una respuesta