Sábado 15 de Agosto de 2020

O Plan de formación do profesorado 20-21 céntrase na aplicación de ferramentas de ensino mixto, na actualización tecnolóxica e o coidado do benestar emocional da comunidade educativa


Atendendo aos novos contextos, o documento inclúe actividades formativas sobre os modelos de aprendizaxe a distancia e a súa aplicación práctica no sistema educativo galego

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional en funcións, Carmen Pomar, reuniuse hoxe cos directores do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e dos Centros de Formación e Recursos (CFR) para abordar o Plan Anual de Formación do Profesorado 2020-2021, un conxunto de accións formativas dirixidas ao profesorado galego e que fan especial fincapé na aplicación de ferramentas de ensino mixto, no reforzo e actualización das ferramentas tecnolóxicas e na formación para o coidado do benestar emocional do conxunto da comunidade educativa.

Tal e como destacou Carmen Pomar, trátase dun documento “vivo, áxil e flexible” que esixe, por tanto, “estar moi atentos á evolución social, ás novas esixencias de futuro e ao contexto de cada momento”. De aí que este Plan, ademais de dar continuidade á oferta de anos anteriores (accións formativas sobre competencias lingüísticas, dixitais e Stem ou sobre inclusión, convivencia e igualdade), inclúe novas accións derivadas, principalmente, do actual contexto e das necesidades que se están xerando no ámbito educativo.

Ferramentas docentes de ensino mixto
A oferta para o vindeiro ano inclúe, como principal novidade, unha serie de accións formativas para o achegamento dos docentes á docencia mixta. Isto é, que dispoñan das ferramentas necesarias para garantir a continuidade da docencia nos centros educativos ben sexa nun espazo presencial ou virtual, se fose necesario.

A este respecto Carmen Pomar insistiu na relevancia da formación do profesorado en recursos para o ensino mixto, porque “se algo puxo tamén de manifesto esta pandemia é que a docencia presencial, o contacto entre profesor e alumno, é insubstituíble”.

Non obstante, a Consellería de Educación avoga por converter a situación de pandemia nunha oportunidade que pasa por preparar o profesorado para que incorporen na aula, desde xa, de modo presencial, métodos de ensino que tradicionalmente van asociados ao ensino non presencial e que atinxen a aspectos como as metodoloxías activas de ensino (propostas integrais de tarefas adaptadas a cada idade, grupo e contexto) ou aos sistemas de avaliación, entre outros.

Así, o Plan incorpora novas accións formativas nas que se abordarán os modelos de aprendizaxe a distancia, a súa aplicación práctica no sistema galego e as ferramentas dispoñibles para facelo realidade.

Este tipo de actividades, que están dirixidas ao conxunto do profesorado, inclúe un curso de introdución ao ensino mixto válido para todos os niveis educativos que estará dispoñible en formato aberto en liña a través da Plataforma Platega, así como unha versión titorizada e certificable presencial ou semipresencial de 50 horas de duración con contidos específicos para o profesorado segundo a etapa educativa.

Actualización de ferramentas tecnolóxicas
Así mesmo, de cara ao vindeiro curso vaise facer especial fincapé na actualización das ferramentas tecnolóxicas co fin de reforzar as competencias dixitais do profesorado, cun curso de formación de 15 horas que se desenvolverá na aula virtual de cada centro e incluirá contidos axustados ás características e necesidades dos diferentes contextos.

Deste xeito, os docentes poderán adquirir formación básica sobre o dominio técnico dos recursos (como se entra nunha aula virtual, utilización da ferramenta de videoconferencia, como se deben elaborar materiais didácticos para que se poidan ofertar a través de recursos virtuais,…); así como formación para que saiban facer unha utilización didáctica das ferramentas dispoñibles (a creación de recursos tecnolóxicos para traballar de modo cooperativo cos alumnos, axustar o uso das TIC á atención a diversidade ou ao contexto das propia aula atendendo ás demandas).

O ámbito do uso das TIC verase reforzado tamén a través de accións formativas específicas a través de grupos de traballo, seminarios e Plans de Formación Permanente do Profesorado, con especial atención á integración didáctica das TIC e o deseño e desenvolvemento curricular.

Benestar emocional e acompañamento ás familias
Outra das novidades que inclúe o Plan de Formación do Profesorado 20-21 é a formación en benestar emocional, con contidos centrados no benestar persoal, a convivencia, a inclusión e as redes de apoio. Nesta liña, contémplanse actividades formativas específicas dirixidas aos departamentos de Orientación, aos centros educativos, á inspección educativa e formación orientada ás propias familias.

Respecto ás familias, -e tendo en conta o seu papel central, sobre todo nos niveis iniciais da escolarización-, o vindeiro curso incorpóranse actividades formativas específicas dirixidas ao profesorado para facilitar a comunicación entre os diferentes axentes. Así, abordaranse cuestións como o rol do profesorado como apoio e guía para as familias no seu acompañamento ao alumnado e no manexo das ferramentas tecnolóxicas que enriquecen a experiencia de aprendizaxe desde os fogares; e fomentarase a organización de actividades formativas dirixidas ás familias nos centros educativos a través das ENAPAS (Escolas de Nais e Pais).

Ademais destas novidades derivadas dos novos contextos de ensino xerados a raíz da pandemia Covid-19, o Plan Anual de Formación do Profesorado seguirá afondando nas liñas formativas postas en marcha nos últimos anos e que estaban centradas na aprendizaxe de idiomas (atendendo á rede de centros plurilingües), co eido dixital (coa extensión da rede de centros E-dixgal) e cos ámbitos da igualdade, da convivencia e da inclusión.

Deja una respuesta