Martes 04 de Agosto de 2020

A comisión informativa de Cultura aborda o outorgamento da medalla de ouro da provincia de Ourense ao escultor Acisclo Manzano


 

As comisións informativas da Deputación de Ourense correspondentes ao mes de maio celebran hoxe e mañá as súas reunións polo sistema de video conferencia. Na xornada de hoxe desenvolveranse as xuntanzas das comisións informativas de Cooperación, Transparencia e Facenda, mentres que na xornada de mañá será a quenda para as comisións de Termalismo, Reto demográfico e Cultura. Será precisamente nesta última reunión na que se aborde o outorgamento da medalla de ouro da provincia de Ourense ao escultor ourensán Acisclo Rogelio Manzano Freire, como homenaxe e recoñecemento do pobo de Ourense a toda unha intensa e frutífera traxectoria artística, que contou permanentemente co unánime recoñecemento, tanto da crítica como da sociedade en xeral. Acisclo, co seu concepto innovador e vangardista, contribuíu a situar a obra artística galega nun lugar destacado do panorama nacional e tamén internacional.

A comisión informativa de Cultura, Deportes e Mocidade tamén analizará a aprobación inicial da modificación das bases reguladoras do Programa de Cooperación da Deputación de Ourense cos concellos, para o cofinanciamento da rede provincial de espazos culturais e a programación coordinada de actividades a nivel provincial (REAOU), para o exercicio 2020. De tal modo que, de xeito excepcional e ante a situación de estado de alarma decretada polo Goberno e no marco das medidas adoptadas para loitar contra a pandemia do Covid-19, os concellos adheridos á rede poderán promover espectáculos e eventos integrados na rede a celebrar en espazos ao aire libre, a elección de cada concello, e adaptando a celebración dos diferentes eventos á normativa e recomendacións que se diten en materia de aforo, hixiene ou distancia social entre persoas.

Na xornada de hoxe, a comisión informativa de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural abordará a resolución dos recursos de reposición formulados contra o acordo da Xunta de Goberno da Deputación do 24 de outubro de 2019, polo que se aprobou de maneira definitiva a relación de bens e dereitos afectados pola tramitación do expediente de expropiación para a execución da obra “proxecto de trazado do acceso ao núcleo de San Vicente de Leira desde a estrada OU-0807”, no termo municipal de Vilamartín de Valdeorras, aprobado definitivamente por acordo do 26 de xullo de 2018 do Consello da Xunta de Galicia.

Así mesmo, na reunión tamén se analizará a aprobación inicial da modificación das bases 9ª e 10ª do Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial para o exercicio 2020, mentres que a comisión informativa de Transparencia e Administración Provincial tratará a aprobación inicial da modificación da Ordenanza reguladora dos procedementos de selección de persoal funcionario interino e laboral temporal ao servizo da Deputación de Ourense.

Deja una respuesta