Martes 04 de Agosto de 2020

Ampliación do prazo do Premio “Carlos Casares Kristina Berg ao talento activo”


 

Por causa da crise do COVID-19 e do estado de alarma, a Deputación de Ourense e a Fundación “Carlos Casares” amplían ata o vindeiro 15 de outubro o prazo de presentación de candidaturas ao Premio “Carlos Casares-Kristina Berg ao talento activo”. O obxectivo desta iniciativa para recoñecer o talento emerxente dunha persoa e axudar no desenvolvemento dese talento dentro dun proxecto vital interesante e prometedor. O ámbito territorial da convocatoria é Galicia, podendo ser candidato calquera persoa natural ou residente na Comunidade Autónoma de Galicia, que teña demostrado o seu talento previamente nalgunha das áreas de coñecemento, ben cun traballo publicado ou inédito, ben coa realización dunha obra ou iniciativa orixinal, que estea rematada ou en marcha.

O premio ten unha dotación económica de 10.000 euros, que servirán para cubrir calquera gasto que axude ao desenvolvemento da carreira da persoa premiada, que poderá investilos no desenvolvemento dun proxecto, novo ou en marcha; en formación, sexan matrículas, estadías, material, etc.; tamén como axuda para a conciliación familiar. Ademais, o premiado recibirá un diploma acreditativo do galardón e unha escultura conmemorativa do premio.

As persoas que desexen concorrer a este premio deberán reunir os seguintes requisitos: ser natural da Comunidade Autónoma de Galicia ou ter residido nela durante a metade da súa formación académica, ou durante un mínimo de tres anos da súa carreira profesional; ter menos de 36 anos; non ter recibido o premio en convocatorias anteriores, e demostrar actividade relevante nalgunha das áreas de coñecemento detalladas na convocatoria.

Non poderá concorrer quen teña relación laboral coas institucións convocantes, nin quen interveña na organización do premio, nin os seus familiares, ascendentes, descendentes, conxugues ou parellas de feito, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade de todos os anteriores. Os candidatos poden ser propostos ou nomeados polo xurados do premio, polas institucións galegas (universidades, asociacións ou colexios profesionais, centros de investigación, fundacións, etc.), ou por personalidades relevantes e de recoñecido prestixio.

Deja una respuesta