Martes 04 de Agosto de 2020

Centenares de ourensáns acudiron á entrega de libros por parte do Concello no Día das Letras Galegas


Pérez Jácome: “foi todo un éxito e o obxectivo era que cumpran a súa función vital, que acaben nas mans do lector”

 

Un día de festa na que os libros foron os protagonistas. O Concello de Ourense repartiu no día de hoxe 2.700 libros de obras gañadoras dos certames literarios que organiza o propio concello, diante do antigo edificio do Banco de España, lugar polo que pasaron centenares de ourensáns, que non dubidaron en gardar cola para poder facerse con algunha destas publicacións. Para o alcalde, Pérez Jácome, que estivo acompañado polo concelleiro de Cultura, Mario González, e outros membros do equipo de goberno, o acto “foi todo un éxito”, ademais de poñer de manifesto que o obxectivo que se quería conseguir con esta iniciativa “non é outro que os libros cumpran a súa función vital; que acaben na man do lector”.

Lembra o alcalde que noutras ocasións, e con motivo de celebrar o Día das Letras Galegas “facíase unha pequena actuación artística e achegábanse poucas persoas a este lugar, a Sala Valente, mentres que hoxe houbo colas para recoller os libros”, o que pon de manifesto que a iniciativa, “a pesares das críticas da oposición, foi un éxito e contou coa resposta dos ourensáns”. Fai fincapé “na importante resposta popular, tendo en conta o que temos coa situación de alerta na que nas atopamos pola covid-19”, polo que se cumpriron todas as medidas de seguridade para evitar aglomeracións e que todo discorrese con toda normalidade”.

Tamén puxo de manifesto o alcalde que os cidadáns que acudiron “leváronse libros que tiñan agochados os anteriores gobernos, principalmente o PSOE, ao editar miles de libros que se atopaban en caixas gardados a cal e canto”. Polo que a decisión do novo goberno estaba clara, no senso de que ao non poder facer outro tipo de actividade, era que toda a cidadanía que así o quixera poida ter estas obras editadas polo concello e gañadoras dos certames literarios.

Deja una respuesta