Luns 21 de Setembro de 2020

A Deputación de Ourense fixa unha axenda de encontros sectoriais de turismo, cultura e deporte


 

Manuel Baltar reunirase a próxima semana e a seguinte con representantes destes colectivos na provincia para avaliar o impacto que a crise do coronavirus está a ter nestes ámbitos de actividade

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, convocou para os próximos días 12, 14 e 20 de maio a máis de medio centenar de empresarios e representantes sectoriais dos ámbitos do turismo, a cultura e o deporte da provincia de Ourense para analizar nestes tres encontros, por videoconferencia, o impacto que a crise do COVID-19 está a ter nestes ámbitos de actividade e impulsar iniciativas que permitan reactivalos.

Dos tres consellos asesores, o do turismo xa constituíu o seu comité de traballo e o vindeiro martes celebrará a súa segunda reunión, con representantes de entidades e empresas, na que se valorarán propostas para paliar as consecuencias do coronavirus no turismo provincial; entre elas, a consensuada no anterior encontro, “poñer en valor as excelencias da nosa provincia co lema: “Ourense, destino seguro”, sinala Manuel Baltar, afirmando que a primeira reunión “foi un punto de partida para reorientar as estratexias turísticas do noso territorio e poñer en común formulacións de diferentes sectores, nun órgano que está aberto á participación de máis membros e que se reunirá polo menos unha vez ao mes”.

Pola súa banda, o Consello Asesor de Cultura, que se reunirá telemáticamente o vindeiro xoves, 14 de maio, estará igualmente coordinado pola Deputación e contará coa participación do presidente Baltar e de representantes de 25 entidades, actores, xestores culturais, cantantes, directores de teatro, técnicos e produtores artísticos. Todos eles avaliarán a actual situación no ámbito da cultura ourensá e poñerán sobre a mesa proxectos e iniciativas para relanzar este importante sector de actividade económica na provincia de Ourense.

Con idéntico obxectivo, celebrará o seu primeiro encontro -por vía telemática- o próximo 20 de maio o Consello asesor de Deportes. Este órgano de consulta, presidido por Manuel Baltar, reunirá a representantes de entidades e clubs, así como deportistas e xestores deportivos, para analizar calendarios, formatos e cuestións organizativas dos eventos deportivos de fronte ao final do estado de alarma e para cando sexa posible renovar as competicións.

Deja una respuesta