Xoves 28 de Maio de 2020

A Xunta traslada aos comerciantes de Valdeorras o compromiso da Xunta coa reactivación económica do sector


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo unha videoconferencia con representantes da Asociación Empresarial de Valdeorras e do Centro Comercial Aberto do Barco
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro por videoconferencia con representantes da Asociación Empresarial de Valdeorras e do Centro Comercial Aberto (CCA) do Barco, aos que lles trasladou o compromiso da Xunta co comercio de proximidade. Neste sentido, estase a traballar da man do sector para poñer en marcha un plan de reactivación económica neste ámbito, co obxectivo primordial de incentivar que o consumidor acuda ao comercio de proximidade, con medidas que infundan confianza e impulsen de novo a demanda.

Ao mesmo tempo, tal e como lembrou Conde, búscase que o sector intensifique a súa transformación dixital para, entre outros aspectos, que os negocios teñan a opción de ofrecer os seus servizos e produtos a través de internet e dispoñan de novas canles de venda. Ademais, no marco do novo plan, tamén se traballará en medidas de prevención de cara á reapertura, para garantir ao consumidor e aos traballadores do comercio unhas condicións de seguridade sanitaria.

Conde lembrou no encontro que Galicia solicita protocolos claros de actuación a nivel estatal, e defende un modelo de reactivación baseado no mando único e cunha aplicación de acordo ás especificidades dos distintos territorios. Así, desde a Xunta proponse un modelo de apertura flexible e dinámico, baseándose en tres eixes: xeográfico, demográfico e de sectores económicos.

Entre as propostas trasladadas polo Goberno autonómico no ámbito comercial tamén se encontran a apertura da actividade en talleres e concesionarios; a apertura paulatina doutros establecementos comerciais, coas limitacións de aforo ou de cita previa; así como a venda de produtos agrícolas e gandeiros nos mercados municipais ao aire libre.

A Administración autonómica xa activou medidas das que se está a beneficiar o comercio de proximidade, como a liña de financiamento de 250 millóns de euros para achegar liquidez a pemes e autónomos, con préstamos de ata 200.000 euros que lles permitan facer fronte aos seus gastos e ás súas obrigas fiscais, e facéndose a Administración autonómica cargo dos xuros.

Deja una respuesta