Martes 22 de Setembro de 2020

A economía ourensá ofrece maior resistencia na primeira quincena da crise do coronavirus


 

As afiliacións no Réxime Xeral diminúen o 3,12 % na provincia, por baixo das medias de Galicia e de España.

O Observatorio Económico Ourensán ( OEOu) -iniciativa da Deputación de Ourense para analizar a situación socio-económica da provincia- revela no seu novo estudo sobre o impacto da crise do COVID-19 que a economía ourensá ofrece unha maior resistencia na primeira quincena da crise sanitaria e que as afiliacións no Réxime Xeral diminúen o 3,12 % na provincia, por baixo das medias de Galicia e de España.

Tal como prevíase no informe do Observatorio do pasado 2 de abril, os datos de afiliacións ao 31 de marzo recollen xa de maneira clara o impacto da crise COVID-19 na economía ourensá. Os 99.559 afiliados na provincia de Ourense cos que finalizou o mes de marzo supoñen unha perda nun só mes de 2.613 afiliacións, é dicir, o 2,56 % das afiliacións coas que se iniciou o mes na provincia (unha caída lixeiramente inferior á do conxunto de Galicia –3,20 %- e significativamente inferior á de España (-4,33 %), apuntándose desta forma unha resistencia lixeiramente maior á crise da economía ourensá neste primeiro mes (indicadores A.1, A.2 e A.3).

O Réxime Xeral, ao 31 de marzo, na provincia de Ourense rexistrou 76.2221 afiliados, o que supón unha perda de 2.452 afiliados durante o mes de marzo, cun descenso do -3,12 % respecto ao comezo do mes; unha cifra de 8 décimas inferior ao descenso en Galicia (-3,94 %) e de case dous puntos menos da que contabilizou o conxunto de España (-4,99 %). Se ao descenso de afiliación engadímoslle os 14.142 traballadores incluídos en ERTES nese mes (cifras aínda non definitivas), a porcentaxe de traballadores por conta allea afectados na provincia na segunda quincena de marzo situaríase por encima do 22 %.

Por sectores, obsérvase crecemento intermensual en: o sector primario (+2,93 %); administración pública e defensa (+1,99 %); e a sección de subministración de auga, actividades de saneamento, xestión de residuos e descontaminación (+1,37 %). No extremo contrario estarían as evolucións das afiliacións no Réxime Xeral en sectores como as actividades artísticas e recreativas, a hostalería e as actividades administrativas e servizos auxiliares, con decrecementos de afiliacións superiores aos dous díxitos (indicador A5).

[1] 72.839 se se inclúen coidadores non profesionais e exluidos Sistemas Especiais Agrario e de Empregados do Hogar.

Tal e como se recollía no documento do pasado 14 de abril, o impacto nos traballadores do Réxime de Autónomos desprázase cara aos próximos meses, dependendo o mesmo en gran medida do paquete de axudas que reciba este colectivo específico (indicadores A6 e A7). A cifra conxunta de afiliados no Réxime de Autónomos e Réxime Xeral (excluídos os sectores especiais agrarios e de empregadas do fogar) sobe en 15 dos concellos da provincia, diminuíndo intermensualmente o número de afiliados no Réxime Xeral nunha porcentaxe igual ou superior ao 10 % en 6 concellos: Cortegada, Laza, Montederramo, Nogueira de Ramuín, Petín e Piñor.

Polo que respecta ás afiliacións nos 10 concellos da provincia que contabilizan máis traballadores por conta allea, a evolución intermensual no Réxime Xeral foi a seguinte: Barbadás (-4,06 %); O Barco de Valdeorras (-4,02 %); Carballeda de Valdeorras (+0,5 %); O Carballiño (-4,79 %); Xinzo de Limia (-5,14 %) ; Ourense (-3,04 %); Pereiro de Aguiar (-4,77 %); A Rúa (-2,49 %); San Cibrao das Viñas (-2,63 %) e Verín (-4,18 %).

Deja una respuesta