Luns 25 de Xuño de 2018

A Xunta participa nun simulacro de accidente de tráfico no marco do Proxecto de Cooperación Transfronteiriza “Ariem 112”


 

Puxéronse en marcha os protocolos de colaboración transfronteiriza asinados polos socios do proxecto

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor asistiu hoxe en Laza ao simulacro no marco do proxecto Ariem 112 de cooperación transfronteriza en materia de emerxencias, onde destacou a importancia destes exercicios para reforzar a coordinación entre ambos lados da fronteira.

O simulacro consistiu nun hipotético accidente de tráfico con vítimas coma consecuencia dunha saída de vía dunha carretera local con caída a un precipicio de mais de 100 metros de altura nunha zona limítrofe con Portugal, rescatando ás vítimas que saíron despedidas do vehículo. A gravidade do accidente e o difícil acceso ao lugar do sinistro aconsellou contar coa axuda de recursos especializados en rescate de ámbolos lados da frontera polo que para a mobilización destes medios puxeronse en marcha os protocolos de colaboración transfronteiriza asinados polos socios do proxecto.

O exercicio práctico é dunha gran complexidade con accións de rescate de vítimas en altura polo que contouse cos medios e recursos de Protección Civil do concello de Laza, bombeiros do parque comarcal de Verín e Xinzo de Limia, 061, a consellería de Medio Rural que aporta un helicóptero con grúa para izado de victimas con camilla e a o apoio da Garda Civil do SEPRONA e tráfico por parte de Galicia. Por parte de Portugal, participaron a Autoridade Nacional de Protección Civil, a Garda Nacional Republicana, Protección Civil de Chaves, e os bombeiros de Salvaçao Publica e Flavienses de Chaves, de Vidago e de Montalegre, e o INEM.

A coordinación realizarase dende o Centro de Atención as Emerxencias 112 Galicia da AXEGA, que desprazará o Grupo de Apoio Loxístico ás Emerxencias e o seu vehículo de posto de mando avanzado, en colaboración coa central 112 de Vila Real.

A finalidade deste operativo é a de testar sobre o terreo os protocolos e pactos de axuda mutua que nacen do Proxecto ARIEM 112, así como analizar os resultados do aplicativo “remote manager” deseñado e adquirido no marco deste Proxecto.

Ariem 112
O simulacro enmarcase na segunda fase do proxecto de cooperación transfronteiriza “Ariem 112”, que nesta segunda fase veu incrementado o seu orzamento por parte de UE en 600.000 euros o que permitirá que o programa poida seguir levándose a cabo durante o bienio 2014-2015, e completando accións que contribúan a consolidar e institucionalizar os mecanismos de cooperación e coordinación transfronteiriza no ámbito das emerxencias. Así, o proxecto conta nesta segunda fase con 600.000 euros, dos cales o 75 por cento é aportado pola Unión Europea e o 25 por cento pola Axencia Galega de Emerxencias.

O proxecto ARIEM 112 -Asistencia Recíproca Interrexional en materia de emerxencias- ten como obxectivo principal o establecemento dun mecanismo de colaboración entre os servizos responsables da xestión e mobilización de recursos de emerxencias na zona común transfronteiriza de Galicia, Castela e León e o Norte de Portugal.

Cofinanciado con fondos FEDER, este programa abarca un total de 109 concellos a ambos lados da fronteira , cunha extensión de case 17.000 quilómetros cadrados e unha poboación estimada de preto de 600.000 habitantes, caracterizada polo envellecemento e a dispersión xeográfica.

Con este proxecto, se pretende reducir os tempos de resposta e xestionar de maneira máis eficaz os centros de emerxencias -calquera que sexa o lugar onde xurda a incidencia-, de maneira que se favoreza a asistencia recíproca, inmediata e conxunta optimizando medios e recursos.

Deja un comentario