Domingo 24 de Xuño de 2018

A Xunta destina máis de seiscentos mil de euros ao fomento de 41 iniciativas empresariais galegas lideradas por mulleres


 

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as axudas do Programa Emega, destinadas a fomentar o emprendemento feminino para que as mulleres se integren no sector produtivo
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar na súa edición de hoxe a resolución das axudas do Programa Emega, polas que se achegan a 41 iniciativas empresariais lideradas por mulleres máis de seiscentos mil euros (667.500 euros), cofinanciados polo Fondo Social Europeo.
Entre as iniciativas beneficiadas atópanse negocios relacionados coa consultaría tecnolóxica, formación, hostalería, comercios, servizos de enxeñería, servizos sociosanitarios a domicilio, fabricación de cosmética ecolóxica ou fabricación de pizarras de vidro magnético. Entre outros motivos, estas empresas cumpren co requisito imprescindible de crear ou manter emprego feminino por conta propia e allea e, este ano son 83 postos de traballo feminino.
O obxectivo deste programa é potenciar o emprendemento feminino para que as mulleres se integren no sector produtivo galego poñendo en marcha, mellorando e consolidando as súas iniciativas empresariais a través de diferentes liñas de actuación. Unhas para estimular a creación de empresas por parte de mulleres e outras para afianzar empresas xa existentes, ben apoiando a innovación ou ben axudando na reactivación e consolidación de proxectos empresariais que debido a crise están pasando por dificultades de mantemento.
Pola súa vez, o Emega a través da liña Concilia promove programas de apoio á conciliación da vida laboral coa persoal e familiar e a través da nova liña Dual oferta unha axuda para a titorización, asesoramento e acompañamento dos proxectos subvencionados co fin reforzar as expectativas de pervivencia no tempo.
Dende o ano 2009, a Secretaría Xeral de Igualdade leva investidos no Proxecto Emega preto de catro millóns de euros, un investimento que ten permitido crear preto de 500 postos de traballo feminino, concretamente 483.

Deja un comentario