Venres 03 de Abril de 2020

Cancelada a Romaría etnográfica “Raigame” 2020, que tería que celebrarse o 17 de maio


 

A romaría etnográfica “Raigame”, que tería que celebrarse como vén sendo tradicional o 17 de maio en Vilanova dos Infantes, queda cancelada e aprázase ata 2021. O motivo que deu lugar a esta decisión é a ampliación de prazo do estado de alarma, acordado polo Congreso dos Deputados ata polo menos o próximo 11 de abril, unido ao feito máis que probable de que a recuperación da normalidade no funcionamento social, cultural e económico se produza dun xeito paulatino. Isto fai aconsellable determinar a cancelación de “Raigame” 2020, que como é coñecido debería ter lugar o próximo día 17 de maio con motivo das Letras Galegas.

Tendo en conta a contrariedade que isto supón no ámbito social, así como tamén para a Deputación de Ourense, o Concello de Celanova, o Centro da Cultura Popular Xaquín Lorenzo, para os veciños de Vilanova dos Infantes e para todas as persoas que manteñen a súa fidelidade con Raigame, os organizadores emprazan a participantes e público da romaría a que manteñan intactas as súas preferencias por Raigame como unha das principais formas de celebración do Día das Letras Galegas, para que asistan o próximo ano 2021 á maior festa da etnografía en Galicia, data na que Raigame volverá con máis forza, se cabe.

Deja un comentario