Venres 03 de Abril de 2020

Deputación de Ourense implementa novas medidas en teleasistencia, protección de emprendedores e cooperación social cos concellos


 

O Comité de Seguimiento do Coronavirus acordou na súa reunión de hoxe, presidida por Manuel Baltar, poñer en marcha un número de teléfono 900 para atender ás persoas máis vulnerables que aínda non estean acollidas ao servizo de teleasistencia

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presidiu hoxe no Pazo Provincial a reunión do Comité de Seguimento do Coronavirus Covid-19, que aprobou implementar novas medidas en teleasistencia, protección de emprendedores e cooperación social cos concellos, para seguir facendo fronte á crise do virus. Unha das medidas é a posta en marcha dun servizo de “alta exprés” en teleasistencia para que os concellos poidan axilizar os trámites de novos usuarios desta servizo para persoas máis vulnerables.

Esta medida ten como obxectivo que os concellos poidan incluír nos seus rexistros de teleasistencia ás persoas que consideren preciso atender con este recurso, o que permitiría dar de alta temporal ao usuario non servizo de liña 900 para facerlle o seguimento. Este teléfono 900, cuxa alta poderá solicitarse a través do concello a partir do martes 23 de marzo, atenderá ás persoas máis vulnerables que aínda non estean acollidas ao servizo de teleasistencia. Precisamente, neste aspecto da teleasistencia, a Deputación está a reforzar o servizo para intensificar tamén a información que se facilita aos usuarios, relativa a procedementos, actuación e manexos que deben realizar como prevención fronte ao virus.

O comité tamén acordou hoxe reformular as bases do programa de entidades sociais para potenciar as actividades relacionadas coa atención urxente ou as que estean relacionadas ou derivadas da crise do Covid-19, respecto a subministro de enerxía en fogares, atención a nais vulnerables, servizos básicos como alimentación ou atención a persoas afectadas por patoloxías especialmente protexidas pola amenaza do Covid-19.

En canto aos emprendedores acollidos ao programa Emprendou, a Deputación de Ourense considera a posibilidade de que poidan acollerse ás medidas postas a disposición dos autónomos por parte do Goberno, en concreto, á “Prestación por cese de actividade”, para o cal elaborará unha guía informativa ao respecto. Tamén asinará a Deputación un convenio con Abanca para pór a disposición dos beneficiarios de EmprendOU unha liña de microcréditos para adiantar mensulamente o importe da subvención a estes emprendedores.

A reunión do Comité de Seguimento analizou tamén os informes sobre o grao de implantación do teletraballo no sector público provincial e o desenvolvemento do protocolo xeral de prevención do Covid-19 neste ámbito Ademais, para seguir reforzando a cooperación cos concellos en materia de servizos sociais, o Comité acorda reactivar —mediante un decreto de Presidencia— a tramitación do programa BenOurense Servizo de Axuda no Fogar (SAF) básico, cuxa tramitación quedou paralizada polo decreto do estado de alarma. Este programa de axudas ás entidades locais de menos de 20.000 habitantes, conta cun orzamento de máis de 900.000 euros.

O Comité de Seguimento analizou tamén a incidencia que está a ter esta crise sanitaria nos 92 concellos da provincia, así como as medidas que a Deputación está a tomar no ámbito laboral cos seus traballadores -como a implementación do teletraballo- para seguir prestando servizos a concellos e cidadáns, e avanzouse o contido da reunión que manterá mañá o denominado “Comité do Día Despois”, una iniciativa pioneira no Estado español, que impulsa o presidente Baltar para planificar, desde o minuto un en que se produza o levantamento do estado de alarma, a recuperación económica da provincia de Ourense, indo para elo da man dos autónomos, empresarios e do tecido produtivo da provincia de Ourense.

Prioridades

Ao remate da reunión, Manuel Baltar destacou que o Comité de Seguimento analizou, entre outros aspectos, temas de funcionamento interno da Deputación entre os que destaca o teletraballo “que experimentou un incremento importante, con máis de 140 persoas desenvolvendo ese labor. Todos os servizos, departamentos e áreas da Deputación están xestionando os procedementos administrativos e atendendo as demandas da veciñanza e dos concellos”, salientando que tamén “fixemos público un directorio telefónico e a comunicación vía correo electrónico, para atender calquera incidencia”, citando como exemplo as petición de concellos onde houbo casos positivos, para labores de desinfección de rúas e outros espazos públicos, poñendo a disposición para elo os nosos equipos materiais e persoais”.

Tamén comentou o presidente Baltar que se seguen levando a cabo traballos esenciais como a recollida de lixo ou o mantemento de vías provincias, e, asemade, no comité analizáronse as obras que a Deputación ten contratadas en diferente concellos, “que van a seguir realizándose para non xerar situacións económicas negativas ás empresas adxudicatarias”, e tamén salientou que nos puxemos “a disposición dese posto de mando autorizado que a Xunta vén de pór en marcha en cada provincia para a máxima colaboración e evitar duplicidades no seguimento desta crise”, explica Baltar.

“Ademais de todo isto, reforzamos o noso servizo de teleasistencia domiciliaria e o Servizo de Axuda no Fogar”, dixo, destacando que todas estas medidas “van encamiñadas a facer fronte a esta crise sanitaria. Contamos cun remanente de tesourería importante do ano anterior e podemos dirixilo integramente a este tipo de cuestión, e quedan para outras actuacións posteriores aquelas petición habituais dos concellos, porque aquí o importante e prioritario é a saúde das veciñas e veciños da provincia de Ourense”, afirma Manuel Baltar.

Deja un comentario