Venres 03 de Abril de 2020

O Concello abrirá de inmediato un segundo albergue na rúa da Barreira se resulta necesario


 

O Concello de Ourense abrirá de inmediato un novo albergue se as circunstancias o fan preciso nas instalacións do albergue de peregrinos da Xunta de Galicia, na rúa da Barreira. A Administración Autonómica puxo hoxe o inmoble a disposición do Concello para que o utilice no caso de que sexa necesario. A concelleira de Política Social, Eugenia Díaz Abella, visitou esta mañá as instalacións xunto co equipo da concellería e constatou que o edificio se atopa nas condicións axeitadas para poñerse a funcionar no momento en que fose preciso.

Neste senso, lembra a concelleira que o albergue do Concello, emprazado na Praza do Trigo, e que conta con 18 prazas, non está cheo, xa que dispón de prazas dispoñibles. Mais, en caso de que fose preciso nalgún momento, abriríase de inmediato o albergue cedido pola Xunta. Ademais, se as circunstancias fosen precisas, o Concello abriría un terceiro albergue, nas instalacións do antigo albergue de peregrinos de San Francisco, con capacidade para 12 prazas máis.

O albergue de peregrinos da rúa da Barreira é un edificio de recente construción, xa que entrou en servizo en decembro de 2018, e ten capacidade para aloxar 13 persoas mantendo as distancias de seguridade recomendadas, máis unha habitación que o Concello mantería reservada por se fose preciso illar algunha persoa. Ao igual que o albergue principal, estaría aberto as 24 horas do día e, ademais do almorzo, ofrecerialles ás persoas usuarias a comida e a cea para que non teñan a necesidade de saír do recinto.

Deja un comentario