Venres 03 de Abril de 2020

O Concello mobilizará 10 millons de euros para axudar os autónomos, pemes e pequeno comercio, así como para reforzar os servizos sociais afectados polo coronavirus


O alcalde anuncia que se estuda a viabilidade de aprobar definitivamente os orzamentos ante a necesidade de contar cos recursos de investimento necesarios.

 

O Concello de Ourense acordou, nunha xuntanza mantida esta maña no salón de plenos, mobilizar 10 millóns de euros para axudar os autonómos, pemes, e pequeno comercio, así como para reforzar os servizos sociais afectados polo coronavirus. Farase a través de diferentes medidas, como poden ser a exención de taxas ou o aprazamento de impostos, toda vez que se decidiu unha modificación dos prazos tributarios que estaban establecidos.

Nesta reunión de urxencia, presidida polo alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, participaron o tenente de alcalde, Jorge Pumar, a concelleira de Facenda, Ana Morenza, a de Servizos Sociais, Eugenia Díaz Abella, e a de Comercio e Seguridade, María Fernández Dibuja, xunto con técnicos do Concello. Durante a mesma analizouse a viabilidade de aprobar definitivamente os orzamentos de 2020 ante a necesidade de dispoñer de máis capacidade inversora. Isto levaría consigo a celebración dun pleno extraordinario, que non tería lugar antes do vindeiro 13 de abril, segundo sinala o rexedor.

Neste senso, tamén se asegura por parte do goberno municipal é que se van acelerar todos os trámites para realizar o pago a provedores “o máis rápido posible”, contando para isto con esa capacidade de xestión económica que se necesita.

Tamén se pon de manifesto por parte do goberno que tanto estas como outras medidas que se poidan adoptar terán como obxectivo prioritario atender todas aquelas necesidade que xurdan debido ao estado de alerta, e de xeito especial entre as persoas máis vulnerables.

Deja un comentario