Venres 03 de Abril de 2020

O Concello habilitará de inmediato un segundo albergue en San Francisco por se fose preciso


 

O Concello de Ourense habilitará de inmediato un segundo albergue en San Francisco se as circunstancias o fixesen preciso. Así o anunciou esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen lembra que a día de hoxe, os servizos sociais do Concello préstanlles servizos de aloxamento e comida ás persoas que o precisan no seu albergue da Praza do Trigo, que dispón de 20 prazas -das que 8 están dispoñibles-.

O Concello ten a capacidade de ampliar 12 prazas máis nas instalacións do antigo albergue de peregrinos de San Francisco. Unha media de prevención que ten a finalidade de “cubrir as necesidades dun estado de alarma onde as persoas máis desfavorecidas son as que teñen máis que perder”, sinala o alcalde .

O alcalde e a concelleira de Política Social, Eugenia Díaz Abella, visitaron as instalacións esta mañá e constataron que o albergue de San Francisco está listo para acoller as persoas que sexa preciso.

Lémbrase que na actualidade o Concello de Ourense mantén aberto o albergue municipal durante as 24 horas do días, ofrecéndolles ás persoas usuarias almorzo, comida e cea para que non teñan a necesidade de saír do recinto. Conta con 20 prazas e reserva unha habitación con dúas prazas por se é preciso illar algunha persoa.

Deja un comentario