Venres 14 de Agosto de 2020

O Concello apraza e amplía o período de pagamento do IBI e do imposto de vehículos de tracción mecánica


 

O Concello de Ourense acordou ampliar o prazo para o pagamento dos recibos do Imposto de Bens Inmobles (IBI), popularmente coñecido como “contribución”, asi coma o do Imposto de Vehículos de Tracción Mecanica (IVTM), do mesmo xeito que facer axustes en taxas coma a da instalación de veladores na vía pública, tendo en conta que a situación de alerta polo coronavirus levou consigo o peche dos establecementos de hostalería.

Deste xeito, a concelleira de Facenda, Ana Fernández Morenza, asina unha resolución na que se fixan estes aprazamentos, coa finalidade de “contribuír a paliar os efectos desta situación de alerta”. En canto ao IBI, o prazo para o pagamento obrigatorio amplíase até o día 15 de outubro, e para todos aqueles que o teñan domiciliado, o segundo prazo pasa ao 15 de decembro. Quere lembrar a concelleira que o pagamento voluntario do IBI, de xullo a outubro, posponse pola situación de alerta.

En relación co imposto de vehículos de tracción mecánica, o Concello acorda ampliar o prazo de pagamento obrigatorio, toda vez que o período de pagamento voluntario que se establecera era o 5 de maio, que tamén se modifica e se amplía a xullo.

Seguindo coas medidas relativas á modificación do calendario fiscal decretadas polo Concello, tamen está previsto “realizar axustes” de taxas, como pon de manifesto a concelleira de Facenda, caso da instalación de veladores en espazo público, entendendo que non se poderá proceder ao cobro desa taxa durante o período que se prolonge o estado de alerta polo coronavirus.

Ademais, Ana Fernández Morenza puxo de manifesto que se están analizando outro tipo de medidas por parte do goberno municipal que teñen como obxectivo “paliar, na medida do posible, a situación de alerta que se está a vivir, e que afecta en especial a determinados sectores, así como á propia cidadanía”.

Deja una respuesta