Venres 03 de Abril de 2020

A Xunta adxudica a redacción do proxecto para mellorar o funcionamento do sistema de abastecemento do concello de Leiro


Este contrato, cun orzamento de case 12.000 euros, ten un prazo de execución duns tres meses

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar a redacción do proxecto para mellorar o funcionamento do sistema de abastecemento do Concello de Leiro.

Este contrato, que foi adxudicado á empresa Diagrama Ingeniería Galicia S.L por un investimento de case 12.000 euros, ten un prazo de execución duns tres meses.

A intervención consistirá na renovación de tubaxe desde Pazos de Arenteiro á estación de tratamento de auga potable de Leiro.

As actuacións teñen como obxectivo resolver os frecuentes problemas de funcionamento que se veñen producindo neste treito de condución que abastece á ETAP e ao depósito de Leiro.

Para isto, no proxecto analizarase a situación actual destas instalacións e definirase o conxunto de actuacións necesarias para acadar a mellora na rede de subministro de auga neste municipio ourensán.

A Xunta, mediante estas actuacións, colabora cos municipios para resolver as súas carencias nas infraestruturas hidráulicas e proporcionarlles aos veciños un sistema de abastecemento que responda ás súas necesidades.

Deja un comentario