Venres 07 de Agosto de 2020

Relación de asuntos da xunta de goberno local 20-2-20


 

Foron 26 os asuntos tratados sesión de hoxe. Informouse, ademais, do decreto polo que se crea a Área da Alcaldía e a Coordinación Xeral da Administración Municipal.

 

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o concelleiro Miguel Caride, voceiro da xunta de goberno, compareceron esta mañá en rolda de prensa para dar conta dos 26 asuntos os tratados na xunta de goberno local correspondente ao xoves 20 de febreiro. Ademais destes, informaron do decreto -publicado no BOP- polo que se crea a Área da Alcaldía e a Coordinación Xeral da Administración Municipal.

Na quenda de preguntas, o alcalde abordou diferentes temas, coma a próxima licitación dos servizos de regulación semafórica estándar unidos aos de smart city, a reposición dos contedores soterrados -dos 60 existentes, 15 deberán ser repensados-, ou de mobilidade urbana -plans para facer peonís rúas da cidade-, entre outros asuntos de interese municipal.

De seguido, os puntos da xunta de goberno local.

Avogacía do Concello (8). Cinco sentenzas e 3 comparecencias.

Entre as sentenzas, a primeira é a ditada polo Tribunal Supremo, desestimando o recurso de casación interposto por Casas Ourense. O Concello e o Xurado de Expropiación cuantificaran a indemnización polos prexuízos causados durante o tempo da ocupación (17 anos) en 8.829 euros, pero a recorrente solicitaba 1.164.414 euros. O Supremo ratifica a sentenza de abril de 2008, recoñecendo o pagamento de 164.152 euros, máis os xuros legais.

Outra sentenza, do Contencioso-Administrativo, estima o recurso dun particular contra a Resolución do Tribunal Económico Administrativo nun asunto de plusvalor de terreos de natureza urbana.

Por outra banda, o Concello deberá indemnizar a un particular con 953 euros polos danos causados no seu vehículo logo de chocar co toco dunha árbore nunha focha da calzada de Oira.

Finalmente, dúas sentenzas que desestiman reclamacións de responsabilidade patrimonial contra o Concello de Ourense por mor das filtracións de auga procedentes da rúa nun edificio de Díez de la Banda, unha promovida por un veciño do inmoble e outra promovida pola comunidade de veciños. En ambos casos, as sentenzas apelan á responsabilidade exclusiva do construtor do inmoble pola neglixencia na construción, e non aos fallos na rede de saneamento municipal.

En canto ás comparecencias, o Concello deberá presentarse en calidade de demandado nos recursos interpostos pola comunidade de veciños da Avenida de Portugal 49 por mor de filtracións de auga; e en senllos recursos relativos a danos producidos en vehículos por mor de bolardos, un no acceso ao centro histórico pola rúa de García Mosquera, e outro pola rúa de Pena Corneira.

Licenzas (8). A sesión da xunta de goberno concedeu licenzas para os proxectos de demolición de dous edificios, o da rúa do Progreso 159 e o de Ervedelo 22; tamén para o proxecto de instalación dun ascensor no edificio da rúa Serra de Queixa 2; para a remodelación de 6 vivendas nun edificio da rúa de Bedoya 5; para a obra de rehabilitación e remate da vivenda na Avenida da Habana 59; para o acondicionamento da planta baixa da vivenda da rúa Paspallás 2 (A Carballeira); para a legalización dunha cuberta dun edificio na rúa da Carreira (A Loña); e para a rehabilitación dunha vivenda na Praza das Flores 1 (a dos Suaves).

Xestión Urbanística (1). Corrixiuse o expediente de rendición de gastos e cancelación do anticipo de caixa fixa, que ascende a 4.000 euros.

Patrimonio (3). Estimáronse dúas reclamacións por responsabilidade patrimonial: a primeira, parcialmente, polos danos causados nun vehículo polo mal estado da rúa E, por valor de 307 euros; a segunda polo mal estado da calzada da rúa de Peña Nofre, por valor de 135 euros.

Ademais, deuse orde de pagamento de 330 euros en cumprimento dunha sentenza do Contencioso Administrativo 2, de outubro de 2019.

Contratación (2). Deuse conta da ordenación decrecente das propostas para o servizo de limpeza de centros educativos públicos de Educación Infantil e Primaria no Concello de Ourense, divididas en 5 lotes. As empresas mellor valoradas en cada un deles terán agora 10 días hábiles para presentar toda a información requirida no Concello de Ourense.

Por outra banda, interpretouse o contrato do servizo de limpeza de centros educativos municipais rexeitando a solicitude realizada pola mercantil OHL Servicios Ingesan, adxudicataria do servizo. Polo tanto, NON se adoptarán as medidas correctoras oportunas para compensar os desequilibrios económicos acaecidos no contrato, tal e como solicitaba a empresa.

Infraestruturas (1). Unha rectificación de erros na redacción por un expediente de liquidación presentado por Viaqua en concepto de mantemento e conservación dos tanques de tormenta. (Viaqua recibirá, por este concepto, 283.438 euros.)

Asuntos Sociais (1). Convalidouse a omisión da función interventora dun acordo que modificou as condicións contractuais inicialmente pactadas para racionalizar o uso dos recursos dos que dispón o Concello: Revisáronse os contratos de alugueiro adicados aos servizos desta área e modificouse a renda mensual dun local en Francisco de Moure 2. Así, recoñécese a favor da empresa propietaria do local unha indemnización substitutoria por importe de 10.671 euros.

Servizos Xerais (2). Por un lado, cancelouse a conta xustificativa de anticipo de caixa fixa (3.595 euros). Polo outro, deuse orde de aboarlle ao xulgado do contencioso administrativo a cantidade de 8.369,42 euros en concepto de xuros en favor de Procedemento Aseo Urbano PAU S.A.

Deja una respuesta