Venres 14 de Agosto de 2020

57 comparsas participarán no desfile central do Entroido de Ourense 2020, o domingo 23 de febreiro


 

17 persoas optarán ao título de Rei ou Raíña do Entroido

 

O desfile de Entroido, que terá lugar o vindeiro domingo 23 de febreiro, contará coa participación de 57 comparsas e 17 persoas que competirán polo trono de Rei / Raíña doas festas. Foron as inscricións recibidas na Concellería de Cultura até o día de onte, no que se pechaba o prazo.

O departamento de Cultura repartirá 5.100 euros en premios: 600 euros para o Rei ou Raíña; 900 euros para a mellor comparsa de máis de 10 compoñentes (700 e 500 euros para a segunda e terceira, respectivamente); 400 euros para a mellor comparsa de menos de 10 compoñentes (cun segundo premio de 300 euros e un terceiro de 200 euros); así como premios especiais para comparsas (300 euros para a máis numerosa, 300 para a máis ocorrente ou graciosa, e 300 euros para a mellor animación musical). Tamén haberá premios para o mellor deseño de carrozas e para as máis animadas (ambos de 300 euros).

Desfile infantil

Pero os desfiles de Entroido comezarán antes: o vindeiro venres, 21de febreiro, levarase a cabo o I Desfile Escolar de Entroido, unha iniciativa conxunta das áreas de Educación e de Cultura coa colaboración da Policía Local e de Protección Civil.

Participarán máis de 1.300 alumnos e alumnas de 3 a 16 anos dos seguintes centros de ensino da cidade: CEIP Curros Enríquez, CEIP As Mercedes, CEIP Manuel Luís Acuña, CEE O Pino, CPR La Purísima e o CPR Divina Pastora.

Ademais, tres charangas amenizarán este evento no que se poderán ver personaxes de distintas épocas e civilizacións.

A saída será ás 12:00 horas da Praza Maior, e percorrerá as rúas de Valentín Lamas Carvajal, do Paseo, de Bedoya, de Santo Domingo, Praza do Ferro, e rúa da Paz. O regreso á Praza Maior está previsto para as 13:00 horas.

Deja una respuesta