Sábado 26 de Setembro de 2020

A comisión informativa de Benestar abordará os programas de cooperación BenOurense Infancia e o servizo de axuda no fogar básico 2020


 

Na comisión informativa de Cultura tratarase o nomeamento do escritor ourensán Alfredo Conde como fillo predilecto da provincia de Ourense

As comisións informativas da Deputación de Ourense correspondentes ao mes de febreiro celebran hoxe e mañá as súas reunións no Pazo Provincial. Na xornada de hoxe desenvolveranse as xuntanzas das comisións informativas de Cooperación, Transparencia e Facenda, mentres que na xornada de mañá será a quenda para as comisións de Cultura, Termalismo e Reto demográfico e será nesta última na que se aborden os programas de cooperación BenOurense Infancia e o servizo de axuda no fogar básico 2020.

Polo tanto, a comisión informativa de Reto Demográfico, Igualdade, Benestar e Emprego tratará a aprobación inicial das bases reguladoras do Programa de cooperación BenOurense Infancia e BenOurense Infancia-Servizos Complementarios, para a concesión de axudas a puntos de atención á primeira infancia e aos servizos complementarios á infancia, respectivamente, sendo en ambos casos para o exercicio 2020.

BenOurense Infancia

A Deputación de Ourense, a través do programa BenOurense Infancia, concede axudas ás corporacións locais para o mantemento dos “Puntos de Atención á Primeira Infancia (PAI)”, entendidos como aqueles establecementos de carácter diúrno e titularidade municipal, situados en concellos de menos de 5.000 habitantes e encadrados nos servizos sociais especializados dos concellos, que teñen como finalidade prestar apoio aos pais dos nenos de entre 3 meses e 3 anos e que se encontran regulados polo Decreto 329/2005, do 28 de xullo. O orzamento destinado a este programa ascende aos 125.000 euros.

Poderán obter axuda os concellos de menos de 5.000 habitantes da provincia de Ourense, que teñan PAIs de titularidade municipal e que non estean xestionados polo Consorcio Galego de Benestar da Xunta de Galicia ou entidade que a substitúa.

BenOurense Infancia-Servizos Complementarios

Na reunión tamén se analizará a aprobación inicial das bases reguladoras do Programa de cooperación BenOurense Infancia-Servizos Complementarios, para a concesión de axudas ás corporacións locais para o mantemento dos “Servizos complementarios á infancia”, entendidos como aqueles servizos de titularidade municipal, que por xestión directa ou indirecta e en xornada diúrna, desenvolven funcións de atención e coidado fóra da xornada ordinaria dos centros escolares para nenos de entre 3 e 12 anos actuando como soporte e apoio as familias e contribuíndo á conciliación da vida laboral e familiar.

O orzamento destinado a este programa é de 125.000 euros e poderán obter axuda as corporacións locais de menos de 20.000 habitantes, da provincia de Ourense, que conten cun centro que reúna as seguintes condicións: que teñan en funcionamento un servizo complementario da súa titularidade, xestionada de forma directa ou indirecta, que organicen o coidado dos nenos e no seo dun grupo coa finalidade de contribuír ao seu benestar e favorecer a conciliación laboral e familiar mediante a garda e custodia dos menores, funcione baixo un calendario coñecido e sistemático, con reserva de praza previa e unha regulación para a cobertura das prazas e que estes centros presten servizos, cando menos, 5 días da semana durante nove meses ao ano, coa finalidade de adaptar o seu calendario de apertura ás necesidades de conciliación da vida laboral e familiar dos pais, excepto aqueles días sinalados como festivos no calendario laboral.

Quedan excluídos desta consideración servizos exclusivos de ludoteca, actividades de formación/capacitación complementarias á escolar e desenvolvidas no curso escolar (actividades extraescolares), actividades deportivas ou de ocio realizadas polo concello durante o curso escolar, e outras de natureza análoga ás anteriores.

BenOurense SAF básico

Outras das bases reguladoras que se abordarán na reunión serán as relativas ao Programa de cooperación coas entidades locais para o servizo de axuda no fogar básico 2020. O Programa BenOurense SAF básico regula a concesión de axudas ás entidades locais da provincia de Ourense de menos de 20.000 habitantes que presten o servizo de atención no fogar básico. Están incluídas tamén as mancomunidades intermunicipais que xestionen servizos sociais dun conxunto de municipios con menos de 20.000 habitantes, ao tratarse de meras entidades instrumentais dos concellos que exercen competencias delegadas por aqueles. O orzamento total dispoñible para estas axudas ascende aos 900.489 euros.

Considerarase SAF básico para os efectos deste programa, aquel cuxas persoas usuarias accedan ao servizo en réxime de libre concorrencia. Considerarase tamén como persoas usuarias en réxime de libre concorrencia ás persoas que teñan recoñecido o estatuto de persoas dependentes no marco da lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e de atención ás persoas en situación de dependencia, en tanto o seu programa de atención individualizada (PIA) non teña efectividade ou o devandito programa non contemple ou non poida dar cobertura ao número de horas de atención domicilia que, a criterio dos servizos sociais municipais, sexa necesario para a persoa usuaria, podendo xustificarse a cargo desta subvención aquelas horas que sexan cubertas a través do sistema de libre concorrencia ás devanditas persoas beneficiarias.

Fillo predilecto

Na comisión informativa de Cultura, Deportes e Mocidade tratarase o nomeamento de fillo predilecto da provincia de Ourense ao insigne escritor ourensán Alfredo Conde Cid, como recoñecemento do noso pobo a un destacado veciño, cuxa frutífera traxectoria literaria e vital o sitúa como un dos escritores máis insignes que deu o noso país.

Cooperación, Transparencia e Facenda

Na xornada de hoxe celebraranse, polo tanto, as comisións informativas de Cooperación, Transparencia e Facenda. A comisión informativa de Transparencia e Administración Provincial tratará a modificación da Ordenanza reguladora dos procedementos de selección de persoal funcionario interino e laboral temporal ao servizo da Deputación de Ourense.

Pola súa parte, a comisión informativa Especial de Contas, Facenda e Economía abordará a delegación na Deputación do exercicio das competencias de recadación en vía executiva do Imposto sobre construcións, instalacións e obras do Concello de Boborás, así como a aprobación inicial da modificación das bases de execución dos orzamentos do INORDE, n.º 1/2020.

Por último, a comisión informativa de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural abordará a expropiación forzosa para a execución das obras de “acondicionamento e mellora integral na OU-0214 Outomuro-Vilavidal”, no termo municipal de Ramirás. Na reunión tamén analizarán solicitarlle ao Consello da Xunta de Galicia a prórroga, ata o 14 de marzo de 2022, da autorización de asunción pola Deputación de Ourense da prestación dos servizos mínimos obrigatorios do Concello dos Blancos, conferida por acordo do Consello de 1 de febreiro de 2020.

Deja una respuesta