Sábado 29 de Febreiro de 2020

A Deputación de Ourense pon en marcha un proxecto de formación para emprendemento rural


Manuel Baltar analizou hoxe coa empresaria ourensá Mónica Seara, nominada entre as 100 mulleres líderes en España, esta iniciativa piloto, que se desenvolverá inicialmente nas comarcas de Celanova e Valdeorras, e que ten como obxectivo a formación de persoas que, en idade de emprender, queiran desenvolver o seu proxecto laboral no rural

A Deputación de Ourense pon en marcha un proxecto piloto de formación para emprendemento no rural, que ten como obxectivo formar a persoas en idade de emprender para achegarlles ferramentas de xestión, prospección de mercados e posibilidades de autoemprego, para que poidan desenvolver o seu proxecto laboral no rural.

Estes aspectos foron analizaron hoxe, no Pazo Provincial, polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a empresaria de Barbadás Mónica Seara -nominada entre as 100 mulleres líderes en España- na reunión que mantiveron e na que tamén participou a deputada provincial de Reto Demográfico, Luz Doporto.

A iniciativa, que se desenvolverá inicialmente nas comarcas de Celanova e Valdeorras, conta coa participación de Humanas Salud Organizacional, empresa creada en 2014 no concello de Barbadás e liderada por Mónica Seara. O proxecto consiste nunha formación amplamente demandada que se realiza por primeira vez na provincia de Ourense. O período formativo terá unha primeira fase de 80 horas de duración con actividades formativas dirixidas a persoas en idade de emprender que queiran desenvolver o seu proxecto laboral no rural.

O programa é gratuíto e está financiado pola Deputación de Ourense, “o que supón un exemplo máis da aposta do goberno provincial pola valorización do rural e o impulso da súa competitividade”, expresa Manuel Baltar.

A etapa formativa abrangue os meses de marzo e abril, e ademais durante a formación os alumnos coñecerán as posibilidades de autoemprego que ofrece o programa EmprendOU da Deputación de Ourense. A parte teórico-práctica do programa estará ligada a convenios con empresas de selección de persoal da provincia de Ourense, así como a un estudo dos postos máis demandados na provincia.

Entre as materias que se abordarán na formación figuran a prospección de mercados, os plans de busca de emprego, aspectos psicolóxicos e técnicos sobre emprendemento e “marca persoal”, así como o plan de negocios dunha empresa.

Precisamente, nesta mesma liña de apoio ao rural, a Deputación de Ourense e o Grupo Cuevas presentaron días pasados unha iniciativa para explorar novos modelos de apoio ao rural coa castaña como protagonista. Neste sentido, hoxe celébrase a primeira iniciativa neste ámbito, o “Foro da Castaña”, que contará coa xornalista Ana Rosa Quintana, un evento no que desde diferentes perspectivas se porá en valor a importancia deste sector da agroindustria ourensá “para seguir a fomentar o uso do produto local máis recoñecido no mundo, con vistas a que poida converterse nunha das importantes marcas de identidade da provincia de Ourense”, afirma Baltar.

Deja un comentario