Sábado 29 de Febreiro de 2020

Aprobadas as bases do Programa ChegOU para o fomento da natalidade da provincia de Ourense


 

A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe as bases reguladoras da convocatoria para a concesión de axudas para a realización de festivais, ciclos, mostras ou actividades análogas correspondentes ao exercicio 2020

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe as bases reguladoras do Programa ChegOU para a concesión de axudas para o fomento da natalidade da provincia de Ourense para o exercicio 2020. O obxecto deste programa é conceder axudas polo feito certo do parto/tutela/adopción dun neno que teña lugar durante o ano 2020.

Polo tanto, poderán beneficiarse destas axudas o proxenitor dun menor nacido entre o 1 de xaneiro de 2020 e o 31 de decembro de 2020, o adoptante dun menor sempre que a constitución da adopción teña lugar entre esas datas, e o titor dun menor sempre que a constitución da tutela se faga tamén durante o 2020. En tódolos casos, será preciso cumprir unha serie de condicións: a persoa solicitante ten que figurar empadroado nalgún concello da provincia á data da solicitude da axuda e acreditar unha antigüidade no empadroamento na provincia de Ourense, polo menos, de un ano ininterrompido e inmediatamente anterior ao 1 de xaneiro do ano 2002, e o menor que causa o dereito á axuda ten que constar inscrito nalgún rexistro da provincia de Ourense á data de presentación da solicitude. Cada neno dará dereito a unha única axuda a favor do solicitante.

A dispoñibilidade orzamentaria para o Programa ChegOU ascende aos 400.000 euros, sendo a axuda que poderán acceder as persoas solicitantes a que lle corresponda segundo a consideración, en grado, do concello en cuxo rexistro civil conste inscrito o menor que motiva a solicitude. As contías oscilarán dos 300 euros para os concellos de Grado 0,1 e 2, e de 500 euros para os concellos de grado 3.

As solicitudes dos nenos nacidos, adoptados ou tutelados durante o ano 2020 poderanse presentar desde o día seguinte á publicación destas bases e ata o 31 de decembro de 2020. No caso de que o nacemento do menor ou constitución da adopción ou tutela tivera lugar entre o 1 e o 31 de decembro de 2020 o prazo de solicitude rematará o día 15 de xaneiro do ano 2021.

Axudas para festivais, ciclos, mostras ou actividades análogas

Por outra banda, no apartado cultural, a Xunta de Goberno aprobou as bases da convocatoria do concurso para a concesión de axudas para o financiamento de festivais, ciclos, mostras ou actividades análogas relacionadas coas artes escénicas e musicais promovidos por persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, que se desenvolvan integramente na provincia de Ourense e que se realicen entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2020.

A dispoñibilidade orzamentaria para esta convocatoria é de 80.000 euros, sendo a contía das axudas dun máximo do 70% do custo total de cada proxecto, sen que ningún beneficiario poida obter axudas por importe superior a 20.000 euros para o conxunto dos distintos proxectos que presente.

Os solicitantes poderán presentar ata un máximo de tres proxectos e o prazo de presentación iniciarase a partir da publicación da convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións e rematará o 31 de marzo de 2020.

Exclúense desta convocatoria as seguintes actividades:

– A realización de actuacións escénicas ou musicais, de carácter senlleiro, que poidan ser obxecto de subvención a través da convocatoria anual realizada por esta Deputación Provincial para o fomento das actividades escénicas e musicais no marco do Plan Tarazana.

– A realización de actividades culturais e recreativas que poidan ser obxecto de subvención a través da convocatoria de subvencións para o financiamento de proxectos de actividades culturais e/ou recreativas promovidos por concellos e entidades sen ánimo de lucro da provincia de Ourense para o exercicio 2020. Para estes efectos, no caso de festivais, ciclos ou mostras de actividades escénicas e musicais que se realicen conxuntamente con outras actividades culturais e recreativas, estas últimas poderán obter subvención ao abeiro das convocatorias realizadas pola Deputación para este tipo de actividades, solicitándoo mediante a presentación dun proxecto separado e diferenciado nas ditas convocatorias.

– As actividades promovidas pola Xunta de Galicia, a Administración Xeral do Estado e as súas entidades vinculadas ou dependentes.

– Proxección de películas ou actividades análogas, posto que non gardan relación coa definición de festival, ao non consistir nunha actividade escénica.

– Aquelas actividades cuxa finalidade principal consista nunha celebración dalgún evento ou acto similar e na que a actuación musical teña carácter accesorio ou secundario.

Cooperación

Por último, no relativo á cooperación con entidades e concellos da provincia, aprobouse unha axuda de 20.000 euros para a Asociación por Eles TEA Ourense para os gastos de funcionamento da entidade correspondentes ao ano 2019. Para o Concello de Avión aprobouse unha axuda de 8.593 euros para a mellora de abastecemento de auga, mentres que para o Concello de Castrelo de Val aprobáronse dúas axudas: unha de 47.890 euros para as obras de mellora do Centro Multiusos de Castrelo e outra axuda de 30.974 euros para a reforma da iluminación pública para aforro enerxético.

Deja un comentario