Luns 13 de Xullo de 2020

O Concello mellora e pon en valor o parque rural de Rairo, cun investimento de 16.500 euros


 

O alcalde en funcións, Jorge Pumar, visitou esta mañá as obras, que lle dan reposta ás peticións da veciñanza

O alcalde en funcións e concelleiro de Medio Ambiente e Perímetro Rural, Jorge Pumar, visitou esta mañá o parque rural de Rairo, que foi obxecto de obras de mellora e posta en valor por parte do Concello cun investimento de 16.553,09 euros. As obras pretenden darlle resposta ás demandas que lles trasladou ao Concello a veciñanza do barrio e se enmarcan no obxectivo do goberno municipal de “darlle resposta ás demandas da veciñanza e ás parroquias do rural, que son un compromiso de mandato, actuando nas zonas que o precisan”, asegura o alcalde en funcións.
As obras consistiron na reforma e posta en valor dun parque municipal, moi utilizado na localidade de Rairo, de máis de 8.000 metros cadrados de superficie axardinada de recreo e uso sociocultural e deportivo por parte da veciñanza da zona, que se atopaba deteriorado, o que impedía a súa axeitada utilización. As intervencións consistiron basicamente en:
 Reparación da fonte pública, que non funcionaba,
 Recuperación da senda peonil que a veciñanza utiliza como ruta biosaudable, e que se atopaba en mal estado. Creouse un paseo con 1,20 metros de ancho de material compacto composto por xabre e cal para o seu correcto uso peonil
 Actuacións para evitar os anegamentos e humidades que se producían no parque cando chovía, incluíndo a limpeza da cuneta de evacuación de augas pluviais e a reposición daquelas partes desta que estaban deterioradas.
Con estas obras, o Concello avanza na posta en valor dos espazos públicos nas localidades do perímetro rural da cidade. Unha liña de traballo na que quere avanzar co desenvolvemento do plan +Rural, que no día de onte lle presentou Jorge Pumar aos representantes da Federación Limiar, da Agrupación Miño e das asociacións non federadas do rural. Un plan participativo de actuacións e de obras no rural que pretende darlles resposta ás necesidades máis prioritarias dos seus veciños.

Deja una respuesta