Sábado 29 de Febreiro de 2020

O Concello licitará este ano a remodelación integral da rúa da Concordia, con 3 millóns de euros de investimento


A actuación incluirá plataforma única, ramplas mecánicas, novo mobiliario urbano e novo abastecemento e saneamento para ampliar o atractivo da rúa e o seu potencial comercial

O Concello de Ourense licitará este ano a remodelación da rúa da Concordia, despois dos bos resultados da recente restrición ao tráfico de vehículos. Así o avanzou o concelleiro de Infraestruturas, Miguel Caride, quen avanzou que o Concello ultima a elaboración dun proxecto completo de remodelación e posta en valor do vial, ao que se destinará un investimento de preto de 3 millóns de euros. A intervención incluirá a renovación da rúa en superficie, que terá plataforma única, a instalación de ramplas mecánicas que faciliten o tránsito peonil nesta rúa de elevado desnivel e a instalación de novo mobiliario urbano. Tamén se renovarán os servizos, como os de abastecemento e saneamentos de auga. O obxectivo: reforzar o atractivo da rúa e o seu potencial como rúa comercial.
Migue Caride tamén avanzou a próxima execución das obras de remodelación dos pasos debaixo das vías do ferrocarril nas rúas de Tarascón e Ramón Puga, que executarán o Concello e o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), para as que nun breve prazo se prevé asinar o convenio de colaboración entre ambas administracións, e da rúa dos Remedios, neste caso por parte do Concello, onde tamén se realizará unha ampla remodelación, máis aló da intervención urxente e provisional, recentemente reaizada no vial.
Miguel Caride informou destes proxectos, a preguntas dos xornalistas, na rolda de prensa na que deu conta dos 19 asuntos tratados na sesión desta mañá da Xunta de Goberno Local. Entre eles, a convocatoria dos premios Risco de Creación Literaria e Cidade de Ourense de Poesía, dotados con 6.000 euros en cada un. No ámbito da Educación, tamén se aprobaron as bases e a convocatoria dos Premios do undécimo Certame de Cinema OUFF Escola, que repartirá 3.000 euros en premios.
Avogacía do Concello (6). Catro comparecencias, unha sentenza e un decreto. Este último do contencioso administrativo 1 de Ourense, ditamina que se lle aboen 17.603,59 euros á UTE Asfalgal Oviga en concepto de xuros polas obras de mellora da rúa de Vasco Díaz Tanco.
A sentenza, pola contra, obriga a un particular e á súa compañía de seguros a aboar a cantidade de 3.844,43 euros polos danos ocasionados a 4 contedores de lixo contra os que chocou co seu vehículo, arroxando posteriormente alcoholemia positiva. O ingreso da cantidade produciuse antes de ir a xuízo.
Por outra banda, as comparecencias. A primeira, perante o contencioso administrativo nun recurso interposto pola comunidade de propietarios do edificio da Avenida de Marín 10 nun recurso que vén de vello: en xullo de 2019, a xunta de goberno resolveu un expediente, en cumprimento dunha sentenza do TSXG, conservando a delimitación dunha finca nas traseiras dun edificio. Agora, a comunidade de propietarios está en desacordo con esa resolución recórrea en sede xudicial.
A segunda, promovida por Promeiga de Contratas e Servicios pola actuación municipal na rúa do Camiño Real, en Cudeiro. Alega a demandante, ao amparo do PXOM do 86, que as obras foron realizadas en terreos da súa propiedade, polo que pide que se poña fin á ocupación dos terreos e que se lle indemnice por danos e prexuízos.
Tamén deberá presentarse por un recurso interposto por un particular contra o acordo de xunta de goberno local que aprobou o Proxecto de Compensación do Polígono 4 da Área de Reparto 2 da Zona 2 do Sector Urbano 32 do PXOM do 86 (terreos próximos á sede da Policía Local, na rúa de Basilio Álvarez).
Finalmente, o Concello deberá presentarse en calidade de demandado por mor dunhas filtracións de auga nun local comercial na Avenida da Habana por valor de 24.135,81 euros.
Licenzas (6). Concédeselle licenza ao proxecto básico e de execución dun edificio na rúa do Progreso 46, edificio que constará de dous sotos, planta baixa, 4 alturas e ático. Igualmente, para a construción dunha vivenda unifamiliar na rúa 30, no núcleo de Erbedelo.
Ademais, dáselle luz verde á instalación de ascensores en tres edificios da cidade (rúa de Galicia 18, Río Bibei 7 e Jesús Soria 9) e concédese unha prórroga de seis meses para que se instale outro ascensor no edificio da rúa de Doutor Marañón 1.
Contratación (1). Aprobouse a primeira prórroga do servizo de centro de día para persoas maiores dependentes do Concello de Ourense, desde o 1 de xuño de 2020 até o 31 de maio de 2021), por un importe de 176.400 euros. Este servizo está prestado por Aixiña, e ten capacidade para 26 persoas, unha máis que o ano pasado.
Recursos Humanos (1). Modifícase, con efectos de 1 de xaneiro de 2020, o valor do punto de complemento especifico do 2% para os traballadores municipais.
Cultura (2). Aprobáronse as bases e a convocatoria dos seguintes premios:
O Premio Risco de Creación Literaria 2020, que xa vai pola vixésimo primeira edición, e para o que se destinan 6.000 euros en concepto de premio.
O Premio de poesía ‘Cidade de Ourense’, que alcanza a trixésimo sexta edición, e para o que tamén haberá un premio económico de 6.000 euros.
Educación (3). Dupla convocatoria de concursos tamén en materia educativa.
Por un lado, o da oitava edición do concurso de carteis para anunciar a MOTECES (mostra de teatro infantil), cun premio de 99,99 euros. E polo outro, a aprobación das bases e convocatoria dos Premios do undécimo Certame de Cinema OUFF Escola, que repartirá 3.000 euros en premios.
Ademais, deuse conta dunha corrección de erros na pasada xunta de goberno local no relativo á aprobación da conta xustificativa da caixa fixa de Educación, na que faltaban dous conceptos, sen afectar ao total de 1.998,83 euros.

Deja un comentario