Sábado 29 de Febreiro de 2020

Baltar destaca que a economía ourensá “medra, crea riqueza e emprego e segue gañando competitividade por medio das súas empresas”


O presidente da Deputación afirma que os datos do informe 2019 do Observatorio Económico Ourensán reflicten unha evolución “claramente positiva” da ocupación, así como as afiliacións á Seguridade Social, “cunha creación de emprego xeneralizada en toda a provincia”

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou hoxe, na presentación do balance 2019 do Observatorio Económico Ourensán (OEOu), que a economía da provincia “medra, crea riqueza e emprego e segue gañando competitividade por medio das súas empresas”. O presidente afirmou que os datos do Observatorio reflicten unha evolución “claramente positiva” da ocupación, así como as afiliacións á Seguridade Social, “cunha creación de emprego xeneralizada en toda a provincia, cun saldo interanual positivo en 8 das 12 comarcas ourensás.

O presidente remarcou “a importancia de contar cunha ferramenta de análise económica tan potente como o Observatorio”, situándoo ao mesmo nivel dos logros acadados nestes oito anos da súa Presidencia ao fronte da deputación, onde a xestión económica –débeda cero lograda-, a transparencia, a visibilidade nacional e internacional de Ourense, as infraestruturas e a cooperación cos concellos, foron as liñas estratéxicas.

Manuel Baltar dixo sentirse satisfeito polos retos alcanzados nestes anos de goberno, onde a boa xestión económica foi determinante –como exemplo, os remanentes de tesourería máis altos da historia-, algo que considera “básico” para poder planificar e proxectar iniciativas, entre as que citou: o Plan termal provincial; a posta en marcha do edificio “Provincia intelixente” con ABANCA; as alianzas estratéxicas con outras administracións públicas (accesos ao CHUO ou canóns de innivación en Manzaneda) e co empresariado ourensán e galego, unido ao feito de que Ourense acolla o Centro Galego de Innovación na FP; o futuro Parque acuático de Monterrei, e os máis de 150 millóns de euros en investimentos nos concellos da provincia.

Unha xestión económica que se une ao ámbito turístico, cultural e creativo coa candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Unesco; situar a Ourense, coa ICC Week, como capital nacional das industrias culturais e creativas; manter e potenciar o OUFF, que este ano cumpre a súa 25 edición, ou programas europeos como o Raia Termal, o Emprendou ou o de “Ourense Destino Turístico Intelixente”, así como a cooperación coa Universidade de Vigo, “potenciando o talento no Campus de Ourense e erguendo un proxecto internacional de gran percorrido no ámbito do reto demográfico: o Observatorio Internacional do Medio Rural”, expresou Baltar.

No acto de presentación do informe –celebrado no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”- o presidente estivo acompañado polo profesor Andrés Mazaira, coordinador do Observatorio, quen detallou os aspectos do balance 2019. Un Observatorio do que Baltar destacou que actualiza os datos que afectan ao tecido socioeconómico provincial “achegando datos e indicadores que nos serven para ter monitorizadas as constantes vitais da provincia, para facer unha diagnose e abordar medidas, tratamentos e políticas reais”.

Neste sentido, explicou que a nova web do OEOu presenta un deseño máis intuitivo, destacando o dato da densidade poboacional, “útil para plantexar unha xustiza distributiva nas transferencias económicas, asegurando a igualdade de dereitos e servizos entre os cidadáns, independentemente onde residan. Do mesmo xeito quedan reflectidos os indicadores que se utilizan para o acceso e reparto de fondos estruturais a nivel provincial”.

Baltar afirma que a Deputación “cumpre co seu compromiso de poñer de novo o foco sobre a provincia, pero tamén invita aos empresarios, colectivos profesionais, universidade, colectivos e sociedade en xeral, a que se acheguen a esta fonte de coñecemento, capaz de desagregar de múltiples fontes oficiais datos contrastados que axudan a analizar a realidade provincial, mesmo desde os ámbitos municipal e comarcal”.

Crecemento e emprego

Unha das conclusións máis salientables do informe 2019 é que o Produto Interior Bruto (PIB) da provincia medra un 1,94 %, chegando aos 6.441 millóns de euros, coa industria manufactureira e o sector servizos liderando o crecemento. A isto únese que a competitividade empresarial demostra a fortaleza das exportacións, cun saldo positivo ata o mes de novembro de 268 millóns. As empresas venderon fora entre xaneiro e novembro por valor de 816 millóns.

En canto a emprego, o presidente explicou que os datos do Servicio Público de Emprego Estatal determinan que ao rematar o ano 2019 había 18.359 desempregados, 740 menos que a finais do 2018, e colocan o número de desempregados en cifras inéditas dende a crise. Asemade, a recente Enquisa de Poboación Activa (EPA) incide tamén no comportamento positivo do emprego, mentres que a evolución da afiliación a Seguridade Social tamén pechou o ano en positivo, contabilizando 103.265 cotizantes na provincia.

“Un dos obxectivos que se marcou esta Presidencia para este ano 2020 é que a taxa de paro siga baixando, mesmo chegue ao 12 %. Nese camiño andamos porque no ano 2018 a taxa era do 13,8 % e ao remate do 2019 estaba no 12,9 %, polo tanto case un punto menos no último exercicio. Pero tamén debemos contextualizar cronolóxicamente estes indicadores porque no ano 2015, data na que xa se percibían indicios de recuperación, a taxa de paro na provincia era do 20,4 %, polo tanto dende aquela a diminución foi de sete puntos e medio”, comentou Baltar.

O presidente da Deputación apuntou como “camiños a percorrer en 2020”: seguir a traballar na mellora das taxas de ocupación feminina; a posta en marcha dun plan para potenciar e favorecer o crecemento empresarial (co obxecto de reducir a fenda existente entre a taxa de crecemento empresarial ourensá fronte á galega); impulsar a actividade en aqueles sectores xa consolidados nos que as empresas ourensás posúen altos niveis de competitividade (agroindustria, viticultura, extracción da lousa, téxtil, comercio, automoción, termalismo e turismo); favorecer a conexión destes cos sectores emerxentes, mediante a implantación de procesos intensivos en coñecemento relacionados con tecnoloxías avanzadas (procesos de automatización, captación e utilización de grandes masas de datos nos procesos de toma de decisións, machine learning e intelixencia artificial), e rematou co encargo para o equipo do Observatorio de “pescudar análises e achegar aportacións que verticalicen políticas de feitos para o rural”.

Informe

Andrés Mazaira detallou que no que atinxe ao PIB provincial confírmase a recuperación xeral que experimenta a provincia dende o ano 2014, data na que se percibiron xa cifras de recuperación económica. O PIB provincial chegou ata 6.441 millóns de euros no ano 2017, último dato dispoñible, cun crecemento do 1,94 % en tasa interanual. Pese a esa circunstancia, detéctase que a velocidade de crecemento experimenta unha desaceleración en termos comparables cos exercicios de 2016 e 2015, con aumentos do 4,27 % e 2,80 %, respectivamente. Pero mellora o PIB anterior á crise, xa que se cuantificaron 6.262 millóns no ano 2008.

Por sectores de actividade foi a industria manufactureira a que capitaliza un incremento maior, cun 8,4 %, aportando 665,8 millóns de euros ao PIB provincial. Pola súa banda o epígrafe de comercio, reparación de vehículos, transporte, hostalería e información e comunicacións medra un 5,5 %, mentres que as actividades xeradas polas administracións seguen tamén en taxas positivas, cun 2,4 %. Pola contra, a construción baixa un 0,5 %, nunha pendente que se segue a percibir dende a crise. Tamén algúns apartados da industria sofren lixeiros reveses, como a baixada do 1 % nas industrias extractivas, mentres que PIB da agricultura e a gandería descende un 1,1 %.

Demografía

Desde o punto de vista demográfico, o Observatorio detecta unha desaceleración do desequilibrio demográfico, sustentado nas seguintes variables: hai unha menor perda de peso relativo da poboación ourensá sobre a total galega desde o 2010 (-0,05 %), un menor crecemento da poboación ourensá no exterior e, por primeira vez desde o ano 2010, hai unha comarca (Terras de Celanova) que gaña poboación intranual.

O OEOu tamén reflicte que o ano pasado a provincia rematou con máis de 102.000 afiliados á Seguridade Social, demostrando así que a xeración de emprego neto segue a producirse un ano máis, nesta ocasión cun crecemento do 0,94 % e incorporando un milleiro de traballadores ao sistema público. A plataforma estatística da Deputación tamén fai unha análise comarcal e municipal na evolución das cotizacións e salienta que en sete das doce comarcas ourensás medrou o número de afiliacións. Trátase de Allariz-Maceda, Baixa Limia, Carballiño, Ourense, O Ribeiro, Terra de Celanova e Verín. Pola contra, perderon afiliados no último exercicio as comarcas de A Limia, Terra de Trives, Valdeorras e Viana. Terra de Caldelas ten o mesmo número de afiliados. Así mesmo, en 46 dos 92 concellos da provincia (50 %) tamén se incorporaron novos cotizantes.

Menos paro

O desemprego mantivo a súa tendencia á baixa no ano 2019, pechando o exercicio con 18.359 parados fronte aos 19.099 do ano anterior. Entre os datos a salientar, diminúe o número de parados de longa duración (levan máis dun ano sen traballo), que ao rematar o 2019 eran 8.919 fronte aos 9.359 do ano precedente, ou 10.467 do ano 2017.

Tamén os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) avaliados polo Observatorio Económico Ourensán reflexan un descenso de 1.300 parados na provincia en 2019, cunha taxa de paro que se sitúa agora no 12,9 % (a menos dun punto do obxectivo marcado dende a Deputación Provincial), recortando nove décimas respecto do remate do 2018 e sete puntos menos que hai cinco anos. A provincia ten agora 111.900 persoas ocupadas, o que representa un descenso de 300 persoas no último ano, pero a cifra é moi superior á poboación ocupada do primeiro ano despois da crise, o 2015, onde se contabilizaban 106.200. A taxa de actividade segue en retroceso perdendo catro décimas nun ano, para quedar no 47,6 % ao rematar o 2019. A poboación activa pasou no último exercicio de 130.100 persoas a 128.500.

A 31 de decembro de 2019 a provincia tiña máis de 102.500 traballadores, con un incremento do 1,3 %, e mais do 60 % dos municipios ourensás ven como as súas empresas gañan traballadores. Por último, as empresas ourensás seguen a demostrar a súa competitividade, medida en capacidade de conquistar mercados exteriores. Neste sentido, o Observatorio recolle os datos da balanza comercial ourensana con vendas que superaron os 800 millóns de euros entre xaneiro e novembro de 2019.

Deja un comentario