Sábado 29 de Febreiro de 2020

Aprobada a convocatoria da III edición do Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2020


 

Así mesmo, a Xunta de Goberno aprobou as bases reguladoras da convocatoria do concurso para a concesión de axudas para gastos de funcionamento das federacións ou agrupacións de asociacións veciñais de Ourense correspondente ao exercicio 2020

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe as bases e a convocatoria da III edición do Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2020, dirixido a persoas, proxectos ou colectivos que se signifiquen pola xestión de iniciativas de carácter cultural e que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma Galega ou fóra de Galicia, pero con claras referencias nos seus contidos e obxectivos á cultura galega.

O premio contará con tres modalidades: dirixido a profesionais da xestión cultural que teñan desenvolvido unha actividade concreta ou unha traxectoria profesional destacada no ámbito da xestión cultural no máis amplo dos seus aspectos, a persoas voluntarias ou colectivos afeccionados que teñan desenvolvido algunha actividade concreta ou unha traxectoria non profesional destacada no ámbito da xestión cultural no máis amplo dos seus aspectos, e a proxectos culturais desenvolvidos por voluntarios, afeccionados, profesionais da xestión cultural ou colectivos que realicen a actividade no noso territorio ou fóra, pero sempre con referencia a cultura galega.

Concederase un único premio en cada unha das modalidades. O premio para profesionais da xestión cultural consistirá no financiamento dunha bolsa para a participación nalgunha acción formativa (seminarios, encontros, xornadas, etcétera) sobre xestión cultural que resulte de interese para o premiado, ata unha contía máxima de 1.000 €. Para as persoas voluntarias ou colectivos afeccionados o premio será unha colaboración directa da Deputación Provincial de Ourense co seguinte proxecto cultural que promovan as persoas voluntarias ou desenvolvan os colectivos afeccionados resultantes gañadores, ata unha contía máxima de 2.000 €. En canto ao premio a proxectos culturais, este consistirá nunha colaboración directa da Deputación Provincial de Ourense co seguinte proxecto cultural que promovan as persoas responsables do proxecto resultante gañador neste apartado ata unha contía máxima de 3.000 €. Todos eles completaranse cunha escultura ou obxecto conmemorativo realizado por artistas ourensáns de recoñecido prestixio, así como un diploma acreditativo.

Poderán optar ao premio as persoas, colectivos ou entidades que se distingan pola súa traxectoria relacionada co anteriormente citado. As candidaturas poderán ser presentadas por persoas físicas, profesionais da xestión cultural, colectivos culturais ou institucións públicas ou privadas do ámbito cultural dentro do prazo sinalado nas presentes bases. Ademais, o xurado, unha vez constituído como tal, poderá formular propostas sobre calquera dos apartados. Pero, non serán admitidas candidaturas que xa foran premiadas en edicións anteriores ou teñan unha relación directa con estas. O prazo para presentarse a este certame remata o día 18 de marzo de 2020.

O premio será entregado no transcurso dun acto social organizado pola Deputación de Ourense no marco da celebración da ICC Week que cada ano organiza a institución provincial.

Axudas a federación ou agrupacións de asociacións veciñais

Outro dos asuntos aprobados pola Xunta de Goberno foi as bases reguladoras da convocatoria do concurso para a concesión de axudas para gastos de funcionamento das federacións ou agrupacións de asociacións veciñais de Ourense, coa finalidade de financiar parcialmente os seus gastos de funcionamento correspondentes ao exercicio 2020.

Poderán ser beneficiarios destas axudas, as federacións ou agrupacións de asociacións veciñais que reúnan estes requisitos na data de publicación no BOP desta convocatoria: estar inscritas no rexistro provincial de asociacións de Ourense e ter o seu domicilio social e ter o seu domicilio social na provincia de Ourense. Ademais, consideraranse federacións ou agrupacións de asociacións de veciños, todas aquelas que estean integradas por tres ou máis asociacións veciñais, entendendo por tales as que teñen como fins a defensa dos dereitos e intereses da veciñanza dun determinado ámbito territorial.

O orzamento total destinado a estas axudas ascende aos 50.000 euros e os interesados en solicitar ditas axudas teñen de prazo desde a publicación da convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións ata o 13 de marzo de 2020.

Proxecto EmprendOU

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a concesión de 5 novas axudas de 8.100 euros cada unha delas (675 euros ao mes), no marco do Proxecto EmprendOU, iniciativa a través da cal a Deputación de Ourense pretende afrontar o reto demográfico apoiando os proxectos empresariais e/ou de autoemprego en municipios rurais en declive demográfico da provincia de Ourense.

Cooperación

No apartado de Cooperación, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 12.188 euros para a Asociación Vecinal, Cultural y Deportiva de La Parroquia de Cantoña para a impermeabilización de depósito de auga, mentres que para a Asociación de Veciños da Parroquia de San Mamede aprobou unha axuda de 36.000 euros para a pista polideportiva. Continuando en materia de infraestruturas, na reunión aprobouse unha axuda de 3.000 euros para o Club Deportivo Náutico Castrelo de Miño destinada ao mantemento, montaxe/demontaxe da pista, correspondente ao ano 2019.

No relativo á Cooperación cos concellos, na xuntanza aprobáronse dúas axudas para o Concello de Bande: unha delas por importe de 25.848 euros para a creación dunha infraestrutura hidráulica de acceso continuo ás augas para a súa análise; e a segunda axuda ascende aos 7.350 euros e está destinada ás actuacións anexas ao parque infantil, concretamente á “mellora de espazo público no núcleo rural de Bande. Praza da Constitución”, correspondente ao ano 2018.

Pola súa parte, o Concello de Cortegada recibirá unha axuda de 38.000 euros para o mobiliario para a Vivenda comunitaria, e o Concello de Ourense unha axuda de 25.000 euros para a Campaña de Nadal correspondente ao ano 2019.

Por último, na reunión aprobouse a concesión de bonificacións sobre as tarifas do Pazo dos Deportes “Paco Paz” durante a tempada deportiva 2019-2020. Por elo, aprobouse o goce das entidades solicitantes das seguintes porcentaxes de bonificación nas tarifas polo uso das instalacións: Club Baloncesto Valenzá (45%), Club Escola Ximnasia Burgas (90%), Asociación dano cerebral Renacer (Cachibol) (45%), Escolas Deportivas Ourense Fútbol Sala (30%), Club Marusia Ximnasia (100%), Club Tenis de Mesa Academia San Mamed Ourense (60%), Federación Galega de Boxeo (90%), e a Asociación dano cerebral Renacer (Hidroterapia) (100%). Así mesmo, terán unha bonificación do 100% polo uso destas instalacións, as Copas Deputación da tempada 2019-2020, pola súa especial singularidade e características.

Deja un comentario