Venres 25 de Setembro de 2020

O Concello sanciona con 1.500 euros a un local de hostalería do Casco Vello por incumprir a ordenanza de ruídos


A concelleira Sonia Ogando avanza que é a primeira das multas que se imporán por incumprimentos en materia de ruídos. Tamén se abriron 11 expedientes de caducidade de licenzas na zona vella

A Concellería de Urbanismo acolleu esta mañá a reunión da comisión de traballo para elaborar unha ordenanza sobre ruídos. Presidida pola concelleira de Urbanismo, Sonia Ogando, contou coa participación de representantes das asociacións afectadas por esta problemática: a agrupación Miño, a Unión de Hostaleiros, os catro grupos políticos con representación no Concello, e a intendente da Policía Local, María Barrera. Por parte do goberno municipal participaron tamén as concelleiras de Política Social, Igualdade e Sanidade, Eugenia Díaz Abella, e Comercio e Seguridade Cidadá, María Fernández Dibuja, dado que como se defendeu desde o primeiro momento, o goberno municipal entende que a solución a este problema debe ser transversal.
A concelleira de Urbanismo valorou moi positivamente esta sesión. Sonia Ogando agradeceulles ás asociacións Cimborrio e do Casco Vello que durante as dúas últimas semanas non presentasen denuncias para poder organizar un servizo que se atopaba “colapsado”. A concelleira informou que durante estes días xa se decretou a sanción por importe de 1.502,54 euros a un local da zona vella por desconectar o limitador. Esta é a primeira multa das que se van impoñer por incumprimentos en materia de ruídos, avanzou a concelleira, que tamén informou de que se abriron 11 expedientes para caducidade de licenza: “Axudarán a poñer en orde a situación actual ata chegar a unha convivencia harmónica”, asegurou.
A comisión analizou tamén os puntos da ordenanza de ruídos do ano 2002 que deben ser modificados ou actualizados, ao xuízo dos diferentes colectivos que nela participan. Tamén se tratou a situación actual dos veladores e das terrazas e a problemática que ocasiona o consumo de alcol na rúa.
Desde o sector da hostalaría manifestaron a súa vontade de colaborar, mais advirten que hai circunstancias que exceden o seu control. Sosteñen que é moi difícil controlar o incivismo dalgunhas persoas e que o ruído máis molesto é o que xera a xente que se reúne fóra dos locais.
A concelleira de Urbanismo propón, pola súa banda, cambiar o procedemento sancionador, dentro da legalidade, e que determinados incumprimentos da normativa poidan sancionarse directamente, así como elevar o importe das sancións.
Na xuntanza destacouse tamén o diálogo e comunicación coa Policía Local á hora de redactar os informes e de axilizar as actuacións transversais.
A comisión acordou que as achegas realizadas nesta xuntanza sexan estudadas polos servizos xurídicos para que a nova normativa se poida concretar o antes posible. A comisión terá a súa próxima reunión dentro dun mes, o 4 de marzo ás 10:30 horas.

Deja una respuesta