Venres 07 de Agosto de 2020

O tenente alcalde, Jorge Pumar, reúnese coa conselleira de Medio Ambiente para desenvolver proxectos estratéxicos para un Ourense máis verde


A reunión versou sobre proxectos para a mellora ambiental e territorial da cidade, que permitirán a posta en valor de espazos que se poidan adicar a fines ambientais

O tenente alcalde e concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Pumar, mantivo este mediodía unha reunión de traballo en Santiago de Compostela coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez Mejuto. O obxectivo era “avanzar no desenvolvemento de proxectos para crear o Ourense Sostible que todos desexamos”, indica Pumar.
O tenente alcalde comunicoulle á Xunta a decisión de que Ourense se adhira ao Pacto de Alcaldes polo clima e a enerxía, posicionando a cidade na Rede Europa onde poderá cooperar con máis de 9.900 institucións públicas na implementación de medidas para loitar contra o cambio climático e para mellorar a calidade de vida dos veciños.
“É un compromiso no que estiven traballando desde a miña chegada ao cargo da xestión ambiental do Concello”, di Jorge Pumar. “A rede europea é unha oportunidade para identificar ideas e proxectos que permitan a Ourense ser unha cidade máis sostible hoxe e de futuro para os nosos fillos”, lembra.
Ángeles Vázquez e Jorge Pumar abordaron outros asuntos de interese para o concello de Ourense, como é a posta en marcha da recollida do residuo orgánico, a “quinta fracción”, a través dos novos contedores marróns.
Na reunión tamén se abordaron proxectos en materia de ámbito urbano, apostando por iniciativas de desenvolvemento sostible e de economía circular para unha cidade verde e eficiente. Neste sentido, os proxectos analizados son de corte pioneiro a nivel nacional e teñen como obxectivo desenvolver actuacións para a posta en valor de novos espazos na cidade.
Logo do encontro, Pumar e Vázquez Mejuto destacaron a total sintonía e o interese mutuo en desenvolver os proxectos tratados coa fin de mellorar a calidade de vida dos ourensáns.

Deja una respuesta