Sábado 26 de Setembro de 2020

740 euros recadados para Cáritas Ourense na VI edición de «Cata a Arte»


A sexta edición da iniciativa «Cata a Arte», que organiza a Deputación de Ourense, a través do Centro Cultural «Marcos Valcárcel», e a D.O. Ribeiro, recadou 740,58 euros para a ONG Cáritas de Ourense cos donativos dos asistentes a esta actividade cultural que cada xoves do mes de novembro ofreceu a posibilidade de gozar de catas de viños de adegas do Ribeiro amenizadas con propostas culturais moi variadas.O acto de entrega do recadado nesta edición tivo lugar hoxe no centro cultural, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o presidente da D.O. Ribeiro, Juan Casares; o secretario de Cáritas Ourense, Javier Soto; e o director do Centro Cultural, Francisco González.O vicepresidente do goberno provincial destacou que a sexta edición de «Cata a Arte» constata que se trata dunha «actividade consolidada que consigue unha maridaxe perfecta de cultura, arte e viño, e co valor engadido de ter un marcado carácter solidario contribuíndo economicamente e dando visibilidade a diferentes entidades sociais da nosa provincia como nesta ocasión, a Cáritas Ourense que realiza un labor indispensable no noso territorio».Neste sentido, o director do centro cultural asegurou que esta iniciativa é a «máis agradecida por varias razóns: pola afluencia de xente que asiste en cada cata, por conxugar dous elementos esenciais para nós como é a cultura e a posta en valor dun produto noso como o viño do Ribeiro». Ademais, Francisco González lembrou que desde hai catro edicións «os asistentes poden colaborar cos seus donativos cunha entidade social e, nesta ocasión, percibimos que Cáritas é unha ONG moi querida pola cidadanía».Pola súa parte, o presidente da D.O. Ribeiro dixo que «Cata a Arte» é unha das accións de promoción do Ribeiro «con máis participación de xente» e que nesta edición deu «un salto cualitativo e cuantitativo coa asistencia de case 800 persoas nas catro catas, polo que a nosa intención é manter este evento».Finalmente, Javier Soto quixo agradecer en nome de Cáritas Ourense non só a contribución económica que esta actividade fixo coa asociación, senón pola visibilidade que se lle da ao labor das entidades sociais e das persoas, afirmando que esta actividade ten «un valor engadido excepcional ao colaborar con quen máis o necesita».

Deja una respuesta