Luns 24 de Febreiro de 2020

O alcalde pídelle ao ministro de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana unha reunión urxente sobre as obras do AVE e a estación intermodal


 

Gonzalo Pérez Jácome quere que José Luis Ábalos explique o “cronograma real” dos proxectos, os prazos e os investimentos

 

Coa intención de evitar calquera tipo de dúbidas, controversias e novas polémicas, o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, formalizou por carta unha petición urxente de reunión co ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luis Ábalos. A reunión, de carácter urxente, servirá para analizar a situación actual na que se atopan os proxectos de Alta Velocidade, tanto no que atinxe á integración do AVE na cidade, coma á variante exterior e á futura estación intermodal de Ourense e a súa contorna urbana.

Do que se trata, segundo pon de manifesto o alcalde, é “contar con toda a información” e, sobre todo, “ter claro o cronograma de actuacións e investimentos, así coma os prazos previstos para a chegada do AVE”. Deste xeito, lembra que “se trata de arroxar luz ante tanta sombra que planea sobre un proxecto estratéxico”, en alusión a posibles modificacións ou demoras en todos os proxectos que estaban previstos e que se contemplaban no convenio asinado entre as tres administracións -central, autonómica e local-, no que se establecía unha folla de ruta moi concreta.

Para Gonzalo Pérez Jácome é fundamental “coñecer a realidade do propio ministro”, e aínda que concorda coa petición realizada pola Xunta para que se convoque canto antes a Comisión de Seguimento prevista no acordo firmado en 2016, entende que a xuntanza de traballo co ministro debe abordar estas cuestións, pero tamén para tratar cuestións que son de vital importancia para a cidade en materia de infraestruturas.

Deja un comentario