Luns 24 de Febreiro de 2020

O Concello presenta ‘En Ourense sementamos igualdade’, unha campaña de concienciación cidadá sobre a igualdade e contra a violencia de xénero


O obxectivo desta acción é achegarlles ás familias a información e as ferramentas necesarias para facer fronte ás situacións de violencia de xénero e educar en igualdade.

A Concellería de Política Social, Igualdade e Saúde do Concello de Ourense presenta a campaña En Ourense sementamos igualdade, unha acción de concienciación cidadá sobre a igualdade e contra a violencia de xénero. A iniciativa ten como obxectivo achegarlles ás familias, de xeito directo, a información e ferramentas necesarias para facer fronte a situacións de violencia de xénero e educar en igualdade.
“A igualdade é unha tarefa común e transversal”, aseguraba a concelleira de Igualdade, Eugenia Díaz Abella, na presentación, pero especialmente entre a mocidade: “A educación é clave para que as sociedades do futuro sexan igualitarias”, dixo. Así, distribuiranse entre a cidadanía ourensá 5.000 exemplares do manual de bos usos En Ourense sementamos igualdade a través de asociacións veciñais, Anpas, e equipos directivos de colexios. Tamén a través do comercio local, un dos puntos de comunicación máis próximos.
“Hai que conseguir cambiar a ollada”, dicía Llerena Perozo, autora do manual, durante a súa intervención. “Do mesmo xeito que interiorizamos hábitos de reciclaxe ou medio ambientais, este manual vainos axudar a darnos conta de comportamentos que son a base dunha sociedade que funciona de maneira desigual”, afirmou.
O manual de boas prácticas é unha guía de referencia destinada a que a cidadanía dispoña de suficientes recursos na súa vida cotiá para abordar situacións nas que se produce a violencia de xénero. Contén información precisa e sinxela para comezar a cambiar as actitudes e comportamentos, así como o coñecemento necesario para ser quen de recoñecer e distinguir o machismo, cambiar a mentalidade e conformar unha vila máis igualitaria, positiva e construtiva. Así mesmo, constitúe unha ferramenta práctica e útil para a elaboración de plans de igualdade e/ou a resolución de conflitos desta índole no tecido asociativo.
Mañá, mércores 29 de xaneiro, comeza o reparto entre todas entidades a que se dirixe, comezando polo Consello da Muller, o comercio local, o asociacionismo veciñal e as asociacións de nais e pais. A actividade finánciase con cargo aos créditos do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade, dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Sinopse: Todas e todos queremos vivir nun mundo mellor, nunha sociedade habitada por xentes pacíficas, que se traten con respecto e colaboren nas tarefas comúns de convivencia. Ninguén soña con limitarse a sobrevivir nunha contorna hostil, violenta e desigual.
O sistema democrático garante que poidamos votar e elixir a quen nos representan e lexislan para establecer esas normas de convivencia, mais está nas nosas mans, nas de toda a cidadanía, facelas efectivas.
Até que a metade da poboación non estea libre de sufrir violencia e discriminación polo feito de ser mulleres non poderemos afirmar que vivimos nun sistema social xusto.
Con este manual pretendemos ter sempre preto de nós unha guía útil e didáctica ao servizo da comprensión de todas as idades. Con ela poderemos empezar a cambiar actitudes e comportamentos, así como sermos quen de recoñecer e distinguir o machismo e saber como actuar ante el. Esperamos, pois, sementar igualdade para recoller un futuro, non moi afastado, mellor.
O libro ten 60 páxinas con ilustracións e imaxes a cor.

Deja un comentario