Martes 22 de Setembro de 2020

O protagonismo de Ourense na Vuelta a España, presentado hoxe no marco de FITUR


 

Manuel Baltar destaca “a importancia que supón que a nosa provincia sexa un ano máis referente nesta proba ciclista”, un evento deportivo –expresou- que este ano volverá visitar non só a cidade de Ourense, con chegada na capital da provincia, senón tamén a Ribeira Sacra

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou hoxe en FITUR, en Madrid, “a importancia que supón que a Vuelta a España teña un ano máis á provincia de Ourense como un dos seus referentes”. A Feira Internacional de Turismo acolleu esta mañá no stand de Galicia a presentación do percorrido que a Vuelta terá na comunidade galega, sendo a provincia de Ourense a protagonista, un acto que contou coa participación do director xeral da Vuelta, Javier Guillén, e da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Manuel Baltar salientou que a Vuelta a España “é unha das probas máis importantes do mundo do ciclismo, un deporte que temos próximo, mesmo que pasa por diante da casa, e que serve para promocionar un territorio como ningunha outra actividade deportiva”.

O presidente do goberno provincial expresou que así o temos constatado en Ourense, logo de varias edicións, “indo da man coa organización da Vuelta a España, mesmo a de 2016 na que fomos o punto de partida -con “Ourense Termal-Madrid”-, que tivo catro etapas en territorio ourensán e mesmo a presentación dos equipos; un evento deportivo que este ano 2020 volverá visitar non só a cidade de Ourense, con chegada na capital da provincia, senón con ese paso pola Ribeira Sacra que, sen dúbidas, xa é un dos destinos preferidos en Ourense, un territorio con grande atractivo, que en 2021 será declarado patrimonio mundial pola Unesco”. “Un traballo –expresou Baltar- no que ten moito que ver a Deputación de Ourense”.

Manuel Baltar remarcou “á gran proxección mediática que representa a Vuelta, así como o seguimento mundial que se fai desta proba”, que conta con millóns de espectadores e cunha cobertura informativa que abrangue 190 países, con 1.200 xornalistas e fotógrafos acreditados, unha caravana de 2.500 persoas que xeran en cada etapa un gasto diario de 250.000 euros, e un seguimento a través de Internet de 12 millóns de persoas.

Deja una respuesta