Luns 24 de Febreiro de 2020

Ourense ensina “O Camiño entre augas” en FITUR


 “Auga, auga e auga” é o centro da proposta que Ourense, como Capital Termal, presentou na Feira Internacional de Turismo FITUR; onde tamén indicou a importancia do seu papel na Vía da Prata – Camiño Mozárabe e outros recursos que ofrece ao visitante

“O Camiño entre augas” é o nome da proposta turística que mostrou esta mañá o Concello de Ourense no marco da Feira Internacional de Turismo Fitur, en Madrid.
No evento participaron o alcalde Gonzalo Pérez Jácome; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; a concelleira de Turismo e Termalismo Flora Moure e a actriz ourensá Cayetana Cabezas, quen, coas súas intervencións, guio a cita.
Gonzalo Pérez Jácome quixo repasar aspectos menos coñecidos da cidade, como o seu papel como “segunda potencia termal de Europa”, un atractivo que se pode aproveitar mesmo cando fai frío e chove; o seu Entroido, un “do tres máis importantes da Península”; e a celebración da segunda “Noite do Medo” en Ourense, a máis grande de Galicia, unha “Noite da Santa Compaña” que se celebrará o 31 de outubro.
A calidade na preparación do polbo e o café e a espectacularidade e beleza no paso do Río Miño pola cidade, con catro pontes, foron outros dos atractivos que debullou o alcalde na súa intervención.
Nava Castro, ás preguntas de Cayetana Cabezas, resaltou a potencialidade de Galicia e en particular da cidade de Ourense como destino termal, un turismo de calidade que desestacionaliza e achega valor engadido.
“A mensaxe co que vén Turismo de Ourense a Fitur 2020 é claro: auga, auga e auga, a auga dos nosos ríos, a auga das nosas fontes e augas termais”, expuxo a concelleira de Turismo e Termalismo, Flora Moure, unha auga que axuda a “mostrar a cidade de Ourense como un destino distinto, como esa Capital Termal onde saciar a sede de vida e de experiencias”
Moure detallou ademais as características da Vía da Prata e Camiño Mozárabe ao seu paso pola urbe e apuntou que se trata da cidade galega na que creceu máis o turismo en 2019. “É o momento de que a nosa mensaxe cale”, recalcou, á vez que convidaba a “mergullarse” en Ourense, a facer O Camiño entre augas.
Como apoio a “O Camiño entre augas”, en Fitur tamén se presentou o novo vídeo promocional de Turismo de Ourense.
A cita congregou a máis de 100 invitados entre os que se atopaban divulgadores, xornalistas especializados e profesionais do sector que se mostraron moi interesados na proposta ourensá.

Deja un comentario