Luns 24 de Febreiro de 2020

A Deputación e os concellos de Ourense e Pereiro de Aguiar acordan pór en marcha un proxecto de reforma integral da estrada de Montealegre


A institución provincial, mediante un convenio de colaboración que asinará co concello ourensán, será a encargada de redactar o proxecto de mellora deste vial, que comunica a cidade co parque empresarial de Pereiro de Aguiar e que podería beneficiar ao redor de 110.000 persoas

A Deputación e os concellos de Ourense e Pereiro de Aguiar acordaron hoxe iniciar os trámites para pór en marcha un proxecto de reforma integral da estrada de Montealegre, que comunica a capital co parque empresarial de Pereiro. A institución provincial, mediante un convenio de colaboración que asinará co Concello de Ourense, será a encargada da redacción do proxecto. O acordo é o resultado da reunión de traballo celebrada hoxe no Pazo Provincial e á que asistiron o vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández; o alcalde de Ourense en funcións, Jorge Pumar; o alcalde de Pereiro de Aguiar, Luis Menor; o responsable de Infraestruturas do Concello de Ourense, Miguel Caride; e a directora o e coordinador desta mesma área na Deputación e no concello, Marta Docampo e Ismael Méndez, respectivamente.

Aínda que serán a Deputación e o Concello de Ourense as institucións que levarán o peso deste proxecto mediante un convenio de colaboración, o Concello de Pereiro de Aguiar tamén apoia esta iniciativa por ser un dos beneficiarios directos da reforma integral da estrada, que parte do Auditorio municipal e comunica a cidade co parque botánico, o centro de menores da Xunta, a urbanización de Montealegre, o campo de golf, o parque empresarial de Pereiro e o complexo deportivo e de ocio de Monterrei, onde se ubicará o futuro parque acuático. Segundo afirmou o propio alcalde de Pereiro de Aguiar, Luis Menor, calcúlase que ao redor de 110.000 persoas poderían beneficiarse coa nova estrada.

Mentres que a Deputación iniciará os traballos de redacción do proxecto, o concello ourensán, indicou Jorge Pumar, procederá de xeito urxente ao acondicionamento do vial, logo do deterioro sufrido polos últimos temporais e as continuas choivas deste inverno.

Deja un comentario