Sábado 29 de Febreiro de 2020

Verín acollerá o primeiro Encontro Profesional de Música Galicia – Portugal


A deputada provincial de Termalismo, Turismo e Medioambiente participou hoxe, na Casa da Cultura de Verín, na presentación deste evento chamado MUMI VERÍN´20 que se celebrará do 12 ao 14 de marzo

O Concello de Verín acollerá a primeira edición do MUMI VERÍN´20, o primeiro Encontro Profesional de Música Galicia – Portugal que se celebrará do 12 ao 14 de marzo. A presentación deste evento tivo lugar hoxe na Casa da Cultura de Verín, acto no que participou a deputada provincial de Termalismo, Ana Villarino; o tenente alcalde e a concelleira de Cultura de Verín, Diego Lourenzo e Emilia Somoza; o director da AGADIC, Jacobo Sutil, e os representantes de MUMI Galicia e Portugal, Manuel Vicente «Roxo» e José Costa.

Ana Villarino dixo que a Deputación de Ourense “apoia este evento que se celebrará nun territorio da raia” e solicitou que en vindeiras edicións “continúe a desenvolverse aquí porque será moi positivo para Verín e para a comarca o fluxo de visitantes que traerá consigo este evento”. Así mesmo, a deputada provincial destacou a importancia que ten para o territorio “acoller este tipo de iniciativas que contribúen a promocionar a cultura e, consecuentemente, a nosa provincia”.

O MUMI é o primeiro mercado profesional de música e cultura que se organiza entre os territorios de Galicia e Portugal e está promovido desde unha asociación integrada por empresas, profesionais e colectivos do sector musical galego e portugués; e apoiado polo programa da Xunta “O teu Xacobeo” co obxectivo de crear unha ponte de ida e volta real e estable para as músicas de ámbolos dous países.

O encontro, que se desenvolverá en Verín do 12 ao 14 de marzo, reunirá a artistas e bandas, promotoras, empresas de management, festivais, discográficas, empresas de servizos e produción, etc. para compartir ideas, crear sinerxías sólidas, establecer novas redes de contacto e coñecer novas propostas en primeira persoa. Ademais, entre os obxectivos do encontro tamén está fixar unha axenda anual de traballo conxunto a nivel sectorial, empresarial e institucional para converterse no espazo de referencia da actualidade musical de Galicia e Portugal.

Esta feira contará cunha programación profesional que mesturará actividades de formación, speedmeetings entre profesionais do sector, showcases cunha selección de artistas e bandas de Galicia e Portugal, e unha feira sectorial con presenza das empresas das diferentes áreas do sector. O Camiño e o Xacobeo 2021 serán analizados como grandes xeradores de oportunidades para o sector aproveitando o seu patrimonio cultural e os espazos naturais que ofrece. Tamén haberá concertos abertos ao público xeral, nunha programación que mesturará os novos valores e as figuras xa consagradas en espectáculos multidisciplinares para público familiar e adulto.

O prazo para a presentación de propostas artísticas para participar no encontro está aberto desde hoxe ata o 11 de febreiro. As bandas ou artistas de Galicia e Portugal que teñan un proxecto musical de carácter musical, independentemente do tipo de formación ou estilo, poderán presentarse a este encontro. As inscricións realizaranse a través da web mumimusicas.eu. As propostas participantes serán escollidas por profesionais do sector, seguindo non só criterios de calidade, senón tamén de viabilidade dentro dos propósitos e características da feira, explicou Roxo.

Deja un comentario