Luns 03 de Agosto de 2020

A Xunta licita as obras de construción de tres sendas peonís nos concellos de Monterrei e O Pereiro de Aguiar por un importe de máis de 1,1 M€


A delegada territorial, xunto cos alcaldes de ambos os dous municipios, presentou as características dos proxectos que se executarán co fin de incrementar a seguridade e promover unha mobilidade máis sustentable

A Xunta publica hoxe na plataforma de contratación a licitación de dous proxectos de construción de itinerarios peonís nos concellos de Monterrei e O Pereiro de Aguiar, por un importe total de 1.151.070 euros, coa finalidade de incrementar a seguridade dos peóns e promover unha mobilidade máis sustentable

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, informou hoxe da licitación e presentou as características dos proxectos acompañada dos alcaldes de ambos os dous municipios, José Luis Suárez e Luis Menor; da xefa territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Alicia López, e de técnicos do servizo provincial da AXI. .

A primeira actuación, no termo municipal de O Pereiro de Aguiar, contempla a execución dunha senda peonil e ciclista na estrada OU-537, de 2.030 metros de lonxitude na zona dos parques empresariais, e doutra na OU-536, de 1.030 metros de lonxitude ao seu paso pola localidade da Derrasa.

No caso do itinerario peonil na OU-537 trátase dunha senda compartida de ancho variable, pola marxe dereita da devandita calzada, sendo o mínimo de 1,80 m. Doutra banda, o itinerario peonil na OU-536 trátase dunha senda compartida de ancho variable, pola marxe esquerda da devandita calzada, sendo o mínimo de 2,50 m.

O orzamento conxunto desta actuación cífrase en máis de 970.000 euros, dos que o 66% destinaranse a execución da senda na estrada OU-537 e o resto para a da OU-536.

Senda en Albarellos
O segundo proxecto licitado trátase da construción dun itinerario peonil na estrada OU-143 ao seu paso polo núcleo rural de Albarellos, no concello de Monterrei, coincidindo o trazado desta actuación co discorrer da Vía da Prata, cun investimento de máis de 180.000 euros.

Trátase de crear un itinerario peonil seguro, cómodo e accesible para as persoas con mobilidade reducida nas dúas marxes da estrada ao longo de 330 metros, que suma unha lonxitude total de 660 metros. Con este fin executarase un pavimento de 15 cm cor gris natural, elevado 10 cm sobre a calzada, cun ancho mínimo 1,9 metros, que inclúe zonas rebaixadas para facilitar as entradas de vehículos. Tamén se construirán dúas paradas de autobús e se instalará unha marquesiña.

Díaz Mouteira explicou que o prazo de execución das obras previstas, en ambos os dous proxectos, é de seis meses. A representante da Xunta en Ourense subliñou que estas actuacións é un claro exemplo do esforzo económico da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para garantir a seguridade viaria nas estradas galegas, separando o tráfico peonil do tráfico rodado, ao tempo que se fomenta a mobilidade peonil en detrimento do uso dos vehículos.

Deja una respuesta