Mércores 22 de Xaneiro de 2020

Resumo xunta de goberno local do 16 de xaneiro de 2020


A concelleira de Turismo e Termalismo, Flora Moure, informou hoxe en rolda de prensa da valoración inicial -cando existen instalacións aínda cubertas por auga ou arrastres de materiais- dos danos ocasionados pola suba da canle do río Miño nos espazos termais, que cifrou en 10.000 euros.
Tanto a concelleira delegada coma o responsable de Infraestruturas, Miguel Caride, aseguraron hoxe que xa se cursou a solicitude á Deputación Provincial para a mellora dos camiños e dos accesos aos espazos termais, traballos que poderían comezar, presumiblemente, este vindeiro luns.
Ademais das máquinas do ente provincial, serán as brigadas de Infraestruturas e de Termalismo, xunto coa empresa Ecourense, as encargadas de realizar os traballos de mellora.
Ademais, a xunta de goberno local deste xoves, 16 de xaneiro, tratou 9 asuntos.
Avogacía do Concello (4). Tres comparecencias e unha sentenza. Esta última está ditada polo Contencioso-Administrativo 2 de Ourense, e desestima o recurso interposto por unha mercantil contra unha resolución do Tribunal Económico Administrativo. A sentenza desestima a demanda ao entender que estamos ante unha resolución administrativa executiva e que a demandante non solicitou en ningún momento medida cautelar algunha, polo que se confirma a sanción de 1.728,84 euros que lle fora imposta.
O Concello de Ourense deberá presentarse como demandado en tres procedementos xudiciais. O primeiro pola reclamación de responsabilidade patrimonial en materia de indemnización que solicitan os propietarios do edificio da Avda. de Pontevedra 13 pola anulación xudicial da licenza de ampliación do edificio: O Concello rexeitara a solicitude no seu momento ao considerar que quedara prescrita ao cabo do ano.
As outras dúas comparecencias responden a reclamacións contra as resolucións do Tribunal Económico Administrativo polas liquidacións do imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana. A primeira por unha contía de 9.440,65€, e a segunda por valor de 1.835,53€.
Licenzas (2). A xunta de goberno concedeu dúas licenzas para a mellora da accesibilidade en dous edificios mediante a instalación de ascensores. Un na rúa de Río Mao 5, e outro na Praza 500.
Aperturas (1). Ademais, concedeu licenza para a adaptación de local destinado a farmacia e óptica, na Avenida de Zamora 70.
Contratación (2). Por unha banda, rectifícase un erro na redacción do contrato de mantemento da aplicación informática Ourense Colabora, que non se adxudicará, ao tempo que se lle devolverá á empresa mellor puntuada a garantía de 350 euros que depositara na Tesourería Municipal.
Por outra banda, aprobouse o expediente para contratar, mediante procedemento aberto, a explotación das instalacións municipais do Xardín Xaponés, unha instalación comercial de 100 m2. Será por un prazo de cinco anos -improrrogables- e por un importe anual de 51.272,44 euros (IVE incluído). Outros detalles do prego de contratación son: a empresa deberá contratar un seguro de responsabilidade civil por valor de 300.000 euros, deberá acreditar un mínimo de 3 anos de experiencia no sector, e deberá ocuparse do mantemento do espazo público (60 m2 de terraza).

Deja un comentario