Mércores 22 de Xaneiro de 2020

A 4ª Concentración de Escolas de Rugby de Galicia reúne en Ourense a máis de 400 deportistas


 

O evento, presentado hoxe na Deputación de Ourense, celebra tamén mañá sábado, no Campo de Oira a partir das 11.00 horas, o 1º Torneo “Ourense, a provincia termal” de rugby

Máis de 400 xóvenes deportistas de diferentes puntos de Galicia danse cita mañá sábado, a partir das 11.00 horas, na “4ª Concentración de Escolas da federación Galega de Rugby” e no 1º torneo “Ourense, a provincia termal”, probas coas que colabora a Deputación de Ourense e que se disputarán no Campo de Oira, unha concentración escolar na que participarán nenos e mozos das categorías “Sub” 6, 8, 10 e 12. O acto de presentación tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial e contou coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o vicepresidente do Campus Ourense Rugby, Borja Leyenda; o coordinador das escolas de rugby, Américo Gómez; o director deportivo, David Monreal, e o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González.

Os equipos que se dan cita nestas importantes probas do calendario do rugby galego son de Ourense, Pontevedra, Ferrol, Viveiro, Lalín, Lugo, Santiago, A Coruña e Vigo. Por categorías participan 25 deportistas de Sub6; 109 de Sub8; 140 de Sub 10 e 158 de Sub12.

Rosendo Fernández valorou esta actividade, que contará con deportistas de entre 6 e 12 anos de 12 equipos galegos, como un evento “que contribúe a expandir e promover o rugby na provincia de Ourense, ademais de educar en valores por medio dun deporte no que destaca a solidariedade e o respecto”. Na mesma liña, Bernardino González salientou “o traballo que desenvolve o Campus Ourense Rugby para dar a coñecer e inculcar este deporte no ámbito escolar na nosa provincia”, “un deporte que conta con máis de cen nenos participantes nos diferentes institutos e colexios nos que se traballa, en colaboración cos profesores de educación física”, indicou Américo Gómez, e que se leva a cabo nas localidades do Barco, Ribadavia, Carballiño, Allariz e na capital ourensá.

David Monreal agradeceu o apoio da Deputación de Ourense “para poder desenvolver este torneo e para que o rugby siga visualizándose na provincia de Ourense”, mentres que Borja Leyenda salientou “o feito histórico que nesta cuarta edición participen máis de 430 rapaces”, agradecendo ademais o labor que van realizar voluntarios, técnicos e familiares dos xogadores para que mañá sábado este encontro sexa un éxito”.

Deja un comentario